A Deputación de Pontevedra destina preto de 580.000 euros para financiar integramente a recuperación do espazo público na contorna dos hoteis de Mondariz Balneario

O deputado Pablo Castillo recordou que o concello recibira xa para esta actuación máis de 490.000 € a través do Plan Extra – Provincia Extraordinaria 2025 que se completan con outros 90.000 € do +Provincia que se aproban este venres en Xunta de Goberno

25/06/2026

Pablo Castillo na visita a Mondariz

O deputado provincial Pablo Castillo acaba de visitar Mondariz Balneario, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra se encargará de financiar integramente as obras de recuperación do espazo público na contorna dos hoteis. O concello recibira xa 490.000 euros do Plan Extra-Provincia Extraordinaria 2025 que se completarán cunha nova achega de 88.800 euros que se aprobará este venres en Xunta de Goberno no marco do Plan +Provincia 2026-2027, que destina a Mondariz Balneario preto de 550.000 euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente. 

Cos recursos provinciais Mondariz Balneario vai recuperar e humanizar o espazo público da contorna dos hoteis históricos, no tramo da Avenida de Enrique Peinador Vela entre a PO-254 e a rúa Javier Solano, unha superficie de algo máis de 3.000 m2. Con ela búscase mellorar a integración urbana dun conxunto arquitectónico de gran valor monumental, formado por edificios emblemáticos como o Hotel Balneario, o Antigo Hotel Sanatorio e o Palacio da Auga. 

Esta actuación servirá para crear un espazo máis accesible e amable, con tráfico restrinxido e controlado, favorecendo os desprazamentos a pé e a calidade urbana. Deste xeito, o proxecto inclúe a renaturalización da Avenida de Enrique Peinador, transformando a vía nun ámbito de uso preferentemente peonil, con pavimento de terra compactada, fontes, iluminación integrada e zonas verdes. Tamén contempla a reordenación da rúa Javier Solano cunha plataforma única con tráfico en sentido único, nova praza arredor dunha gran árbore central, mellora da relación co regato Valdecide e creación dunha zona de gradas de acceso á auga. Ademais, melloraranse os accesos e entronques coa PO-254 mediante unha praza circular que organiza a mobilidade e limita o tráfico ao imprescindible. 

Pablo Castillo puxo en valor que cos recursos provinciais “estamos dando resposta a unha actuación prioritaria para o Concello, como demostra que o incluísen no Plan Extra”, e felicitou ao Concello de Mondariz Balneario por aproveitar os recursos do Plan +Provincia para poder completar o seu financiamento. O deputado provincial lembrou que “con actuacións como esta estamos a demostrar que os recursos que poñemos a disposición dos concellos son fundamentais para facer realidade proxectos de maior envergadura”, xa que “somos un goberno municipalista, que damos todas as facilidades aos concellos para que poidan empregar os recursos da Deputación con total autonomía”.