A Deputación continúa esta fin de semana en Pontevedra e Valga os percorridos do programa provincial +Bosques

As contornas do río Lérez e das fervenzas de Parafita e Raxoi acollen dúas novas actividades de contacto directo coa natureza a través da modalidade de baños de bosque

09/06/2026

A Deputación continúa esta fin de semana en Pontevedra e Valga os percorridos do programa provincial +Bosques

A Deputación de Pontevedra continúa esta fin de semana con todas as prazas esgotadas os percorridos da nova edición do programa +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos baños de bosques. As actividades celebraranse este sábado 13 na contorna do río Lérez (Pontevedra) e o domingo nas fervenzas de Parafita e Raxoi (Valga) e nelas participarán un total de 60 persoas.

No río Lérez a actividade transcorre por un espazo cunha vexetación rica e diversa, con bosques de galería, fragas e, nas zonas máis altas, urces e xestas e que, no seu último treito, está designado como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) e Zona Especial de Conservación (ZEC) da Rede Natura 2000. Pola súa banda, as fervenzas de Parafita e Raxoi, en Valga, configuran unha ruta a través de densos bosques de ribeira e pasarelas de madeira, con fervenzas, antigos muíños restaurados e un tapiz de vexetación exuberante.

Nesta edición de +Bosques, o programa chegará a un total de sete espazos da costa e o interior da provincia que permitirán dar a coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas proporcionarán ás persoas participantes unha experiencia de conexión directa en e coa natureza. Promoverase a estimulación sensorial con exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.

Os percorridos continuarán este mes o día 20 en Carboeiro (Silleda), o 21 en Maneses (O Campo Lameiro), o 27 de novo nas fervenzas de Parafita e Raxoi (Valga) e o día 28 na Illa de Tambo (Poio). O resto de datas (xullo, agosto a setembro) poden consultarse no sitio web institucional. As inscricións abren mes a mes, sendo o 23 de xuño a data escollida para a inscrición nas actividades de xullo, ás 9:00 horas.