A Deputación aproba a adxudicación por 1,4 millóns de euros das obras de mellora na estrada que une Mos con Puxeiros á altura de Dornelas e Torroso

A obra está financiada ao 80% pola Deputación e dotarase dun itinerario peonil de 1,4 quilómetros, reforzo do firme, renovación dos servizos e medidas de calmado de tráfico

10/07/2026

A Deputación aproba a adxudicación por 1,4 millóns de euros das obras de mellora na estrada que une Mos con Puxeiros á altura de Dornelas e Torroso

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres a adxudicación dos traballos na estrada que une Mos con Puxeiros, a EP-2601, á altura de Dornelas e Torroso. O presidente provincial, Luis López, sinalou que a Deputación e o Concello de Mos investirán “1,4 millóns de euros para mellorar a seguridade e a mobilidade para peóns e vehículos”, cun reparto do 80% pola institución provincial e o 20% restante sufragado polo concello.

As obras afectan un treito urbano moi concorrido, polo que a vía precisa de espazos que garantan un tránsito peonil seguro. A este respecto, crearase un itinerario peonil de preto de 1,4 quilómetros de lonxitude mediante unha senda de 2,5 metros de ancho na marxe esquerda da vía. Tamén se procederá ao reforzo do firme no treito da actuación, á renovación das redes de drenaxe (que terá que ser adaptada á nova aliñación da vía) e de alumeado público (soterramento incluído), así como á canalización dos servizos de electricidade e telecomunicacións.

A maiores, as obras inclúen a execución de elementos de calmado de tráfico, a colocación de mobiliario urbano (bancos, separadores, bolardos e barreiras) e a reinstalación de toda a sinalización horizontal e vertical. O prazo de execución previsto para os traballos é de dez meses. “Ocupámonos de que as nosas infraestruturas viarias estean nas mellores condicións para que tanto os coches como as persoas poidan circular con total seguridade”, sinalou Luis López.

audios