A Deputación pon en marcha unha nova edición das axudas para que as agrupacións musicais adquiran e reparen instrumentos e vestiario propio, dotadas con 300.000 €, 100.000 máis que no 2025

“Este é un goberno que escoita, que analiza problemáticas e atende demandas, necesidades e inquedanzas de todos os colectivos da provincia”, subliñou o presidente Luis López

13/03/2026

A Deputación pon en marcha unha nova edición das axudas para que as agrupacións musicais adquiran e reparen instrumentos e vestiario propio, dotadas con 300.000 €, 100.000 máis que no 2025

A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe as bases dunha nova edición da liña de axudas destinada ás agrupacións e grupos musicais sen fins de lucro da provincia que se dedican a promover, difundir e practicar música. As subvención están dotadas neste 2026 de 300.000 euros, aumentando 100.000 € desde 2025, “cando as puxemos en marcha e foron un auténtico éxito”, asegurou o presidente provincial, Luis López, que lembrou que o pasado ano beneficiáronse 183 agrupacións de 47 concellos da provincia. “Atendiamos entón un clamor cultural, e non hai dúbida de que non nos equivocabamos”, subliñou.

A convocatoria está dividida en dúas liñas, unha primeira centrada na adquisición de instrumentos e vestiario cun crédito de 250.000 euros, 80.000 € máis que no 2025, e unha segunda con destino á reparación destes mesmos bens, cun crédito total de 50.000 euros, 20.000 € máis que na pasada edición. En ambos os dous casos, as axudas concedidas non poderán superar o 75% do orzamento da actuación e os colectivos poderán percibir ata un máximo de 3.000 euros.

A Deputación de Pontevedra volve poñer en marcha esta iniciativa, que naceu o pasado ano para atender unha petición expresa do sector, co fin de apoiar unhas entidades que coa súa acción contribúen á preservación do patrimonio inmaterial e á transmisión das tradicións galegas. Deste xeito, permítese reforzar o tecido asociativo cultural da provincia de Pontevedra así como se contribúe á conservación e difusión do patrimonio inmaterial de Galicia, tendo en conta o papel que xogan formacións como as bandas de música, masas corais ou agrupacións folclóricas neste aspecto.

“Non me cansarei de dicilo: este é un goberno que escoita, moitas veces fóra do ollo público, analiza problemáticas e atende demandas, necesidades e inquedanzas de todos os colectivos da provincia”, remarcou o presidente provincial, que se mostrou convencido de que “este ano volverán ser moi ben acollidas”.

audios