A Deputación pon en marcha unha nova edición de DepoVAN para a adquisición ou adaptación de vehículos por parte de clubs deportivos, que aumenta o seu crédito un 67%
As axudas, dotadas este ano cun millón de euros, buscan facilitar os desprazamentos, especialmente das persoas con discapacidade, aos seus adestramentos, competicións e outras actividades do seu ámbito
13/03/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar as bases para poñer en marcha unha nova edición de DepoVAN, a liña de axudas coa que os clubs deportivos da provincia poden adquirir ou adaptar furgonetas e outros vehículos. Na súa segunda edición a liña está dotada con 1 millón de euros, fronte aos 600.000 € do pasado ano, o que supón un aumento do 67%, e axudará a facilitar os desprazamentos, especialmente das persoas con discapacidade, aos seus adestramentos, competicións e calquera outra actividade do seu ámbito, así como ao traslado de materiais. “Na pasada edición chegamos a 33 clubs da provincia e este ano seguimos , na provincia do deporte, traballando por e para o deporte, e para que os deportistas poidan seguir cara diante”, asegurou o presidente Luis López.
As axudas distribúense en tres ámbitos de actuación: deporte xeral, deporte náutico e deporte para persoas con discapacidade, cun reparto de 550.000 euros, 350.000 euros e 100.000 euros, respectivamente. No caso do deporte en xeral e do deporte náutico as axudas oscilan entre os 5.000 € como máximo para adquirir remolques, ata os 15.000 € para mercar vehículos de segunda man ou os 25.000 € para vehículos novos. Pola súa banda, os clubs que acrediten unha traxectoria mínima de dous anos na promoción ou práctica do deporte entre persoas con discapacidade beneficiaranse de ata 10.000 € distribuídos en 5.000 € como máximo para adquirir remolques, realizar traballos de adaptación de vehículos ou mercar aparellos para facilitar o traslado de deportistas con discapacidade, ata 15.000 € para mercar vehículos de segunda man e un máximo de 25.000 € para adquirir vehículos novos.
A concesión das axudas realizarase polo procedemento de concorrencia competitiva en base a criterios como o número de licencias, o nivel de participación en competicións oficiais, o número de habitantes do concello ou se o club xa conta con outros vehículos. As entidades non beneficiarias no 2025 poderán presentar dúas solicitudes, mentres que as que se beneficiaron o pasado ano só poderán presentar unha.
