A Deputación destina preto de 140.000 € para que 15 mozas e mozos da provincia completen a súa formación no estranxeiro

Trátase da décima mobilidade do proxecto Erasmus+ 2025, que levará mozas e mozas que estudaron en centros de Vigo, O Porriño, Pontevedra, Sanxenxo e Tui a empresas e institucións da Alemaña, Francia, Irlanda, Italia, Malta e Portugal

09/10/2026

A Deputación destina preto de 140.000 € para que 15 mozas e mozos da provincia completen a súa formación no estranxeiro

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar preto de 140.000 euros para que 15 mozas e mozos da provincia completen a súa formación no estranxeiro a través do programa Erasmus+. Como explicou o presidente provincial, Luis López, trátase de mozos que cursaron os estudos de ciclo medio de Formación Profesional e de Certificado Profesional en centros dos concellos de Vigo, O Porriño, Pontevedra, Sanxenxo e Tui que pasarán unha media de seis meses en seis países da Unión Europea.

O alumnado participante na décima mobilidade de Erasmus+ 2025 realizou os seus cursos nas áreas de xoiaría, comercio, alimentación, pedra natural, farmacia, automoción, gráfica e audiovisual. A formación realizárona na Escola de Formación del Atlántico, o CIFP Audiovisual de Vigo e o IES A Guía (Vigo), o IES Ribeira do Louro (O Porriño), o CIFP Montecelo e o CIFP A Xunqueira (Pontevedra), o IES de Vilalonga (Sanxenxo) e o IES Indalecio Pérez Tizón (Tui).

Os 15 beneficiarios desta xeira de axudas iniciarán a súa estadía o 1 de novembro de 2026 en diversos países da Unión Europea: a Alemaña, Francia, Irlanda, Italia, Malta e Portugal. Con esta concesión son xa 51 titulados os que participaron ata o momento no marco do proxecto Erasmus+ 2025, iniciado o 1 de xuño de 2025 cunha duración de dous anos (ata finais de maio de 2027). Conta cun orzamento total próximo aos 930.000 euros, dos cales case 730.000 euros son achegados polo Servicio Español Para la Internacionalización de la Educación (SEPIE) e os 200.000 euros restantes pola Deputación con fondos propios.

audios