A Deputación aproba un convenio co Concello de Lalín para dixitalizar as súas infraestruturas turísticas e museísticas
O plan de márketing ten un orzamento de 73.000 euros e enmárcase dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino Deza Tabeirós-Terra de Montes
20/03/2026
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres un convenio co Concello de Lalín co fin de implantar un plan de márketing e de promoción do destino que estará dotado dun máximo de 73.000 euros. O presidente provincial, Luis López, sinalou que a través desta acción vaise “dixitalizar as infraestruturas turísticas e museísticas de Lalín” cos obxectivos de “reforzar a xestión turística do destino, consolidar a súa imaxe, ampliar a demanda e incrementar a competitividade do territorio”.
Este proxecto enmárcase dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) Deza Tabeirós-Terra de Montes. Os camiños por dentro, financiado con fondos NextGenerationEU. En concreto, os recursos mobilizados pola institución provincial permitirán adquirir unha pantalla transportable de grandes dimensións e tamén dixitalizar a Oficina de Recepción de Visitantes e Peregrinos e mais o museo do Pazo de Liñares coa adquisición de material audiovisual como altofalantes, mesturadores, micrófonos, pantallas e material auxiliar. O Concello encargarase das subministracións e a Deputación de coordinar o plan, así como de establecer o diálogo pertinente co resto de administracións.
O presidente Luis López, que lembrou que estes recursos se suman a outra acción aprobada a semana pasada tamén a través do PSTD Deza Tabeirós-Terra de Montes (A Peribici: Mobilidade sustentable nos Camiños, con 150.000 euros para instalar 15 estacións de reparación de bicicletas), sinalou que “desde o goberno da Deputación sempre temos moi presente o interior da provincia e concretamente no eido turístico, como a nosa campaña do ano pasado (Cando volves?) na que foi protagonista indiscutible”.
