A Deputación aproba o proxecto para a mellora da mobilidade peonil na estrada que une Forcarei coa Estrada, ao que destinará 570.000 euros
A actuación execútase a través dun convenio co Concello, polo cal a Deputación asume o 80% do orzamento e o Concello o 20% restante
25/09/2026
O presidente Luis López anunciou este venres que a Xunta de Goberno aprobou o proxecto para a mellora da mobilidade peonil na EP-7001 que une Forcarei coa Estrada, concretamente nun treito de preto dun quilómetro que une o campo de fútbol municipal co centro de Forcarei. As obras teñen un orzamento de 570.000 euros e estarán financiadas ao 80% pola Deputación e ao 20% restante polo Concello de Forcarei.
A súa actuación principal será mellorar a mobilidade peonil da vía a través dunha senda peonil de 2,5 metros na marxe esquerda, e tamén se mellorará o tráfico rodado a través da reposición do firme en todo o ámbito de actuación. Ademais, mellorarase o sistema de drenaxe coa instalación de novos colectores soterrados e a execución de sumidoiros e cunetas revestidas, e renovaranse tanto a iluminación, con novos puntos de luz, como a sinalización horizontal. O prazo de execución será de seis meses.
O obxectivo é salvagardar a debida prestación do servizo público viario e de mellorar a seguridade viaria. “Avanzamos para mellorar a rede de estradas provincias e facémolo, como non podía ser doutro xeito, da man dos concellos”, asegurou o presidente provincial.
