Luis López confirma que a Deputación financiará integramente a primeira fase da humanización do Alcouce, en Vilaboa, cun investimento de máis de 170.000 euros

Os recursos están enmarcados no Plan +Provincia 2026-2027 que destinará a Vilaboa máis de 1,5 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente

17/04/2026

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, confirmou esta mañá que a institución provincial financiará integramente con máis de 170.000 euros a primeira fase das obras de humanización do núcleo rural do Alcouce, na parroquia de Figueirido. Os recursos aprobados para esta actuación están enmarcados no Plan +Provincia 2026-2027 que destinará a Vilaboa máis de 1,5 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.

Desta maneira, con estes recursos e nunha primeira fase, o concello actuará neste núcleo rural tradicional nun tramo viario desde o acceso ao leste pola EP-0002 ata o espazo principal de relación da aldea, cunha superficie de 564 m2. O obxectivo é converter os viarios actuais en espazos de carácter peonil, sinalizando a zona para permitir o tráfico rodado de forma restrinxida a residentes, servizos e vehículos de emerxencia, recuperando o espazo público de estancia, xogo de nenos e relación que foi outrora. A actuación proposta contempla tamén a dotación de novo mobiliario urbano e a disposición dunha preinstalación das redes de servizo de abastecemento, así como unha nova instalación de alumeado e a previsión do soterramento das redes eléctrica e de telefonía.

Luis López lembrou que este proxecto é unha mostra máis “do noso apoio aos concellos, un apoio que esta mesma semana se veu reforzado co novo plan extraordinario para arranxar as estradas municipais despois do tren de borrascas, o Vía Depo”.

audios