Luis López recoñece a aposta compartida co sector pola modernización do turismo nas Rías Baixas para garantir a sustentabilidade e descentralización do destino
O presidente da Deputación, acompañado polo deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, participa en Ponteareas nas xornadas organizadas polo Clúster de Turismo para implantar ferramentas de intelixencia artificial na actividade das empresas do sector
12/11/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recoñece o compromiso do sector turístico da provincia, compartido polo goberno provincial, pola busca constante dun servizo de calidade e adaptado aos novos tempos que contribúa a consolidar ás Rías Baixas como un destino de excelencia e preparado para competir nun mercado global cunha aposta decidida pola sustentabilidade e a descentralización. Así o remarcou o dirixente provincial este mércores en Ponteareas, onde pechou a primeira das xornadas para profesionais do sector centradas no “turismo intelixente: ferramentas IA para a transformación do sector” organizado polo Clúster de Turismo de Galicia na capital da comarca do Condado. “Os 61 concellos que compoñen as Rías Baixas son referencia de calidade e excelencia, pero se existe algún colectivo que se aproxima a ese nivel, non é outro que os profesionais do turismo”, recoñeceu López, nun encontro no que tamén estiveron presentes o deputado de turismo, Jesús Vázquez Almuíña; e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro.
No auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas celebrouse este mércores a primeira xornada dun congreso organizado polo Clúster de Turismo de Galicia e deseñado para profesionais do sector centrado no turismo intelixente e nas oportunidades que abre a implantación das ferramentas de intelixencia artificial nas distintas áreas deste servizo. Unha xornada que contou con dous relatorios e dúas mesas redondas centradas na intelixencia artificial e que foi clausurada polo presidente da Deputación, Luis López. “A iniciativa do Clúster de Turismo de Galicia para abrir aos profesionais desta rama as infinitas posibilidades da implantación da Intelixencia Artificial só responde a esa visión moderna e aberta dun sector que quere seguir sendo líder e que pode contar co máximo apoio da Deputación para logralo”, valorou o dirixente sobre un evento que conta coa colaboración da Deputación.
Despois de recoñecer ao sector do turismo nas Rías Baixas como un colectivo que “é sinónimo de calidade, compromiso co crecemento sustentable e descentralizado e que comprende o camiño para ser forte e competitivo é o da formación, a modernización e a adaptación ás novas tecnoloxías”, Luis López quixo salientar o traballo conxunto entre o sector e a Deputación para dinamizar a actividade turística tanto á hora de organizar este tipo de congresos ou encontros profesionais, como para apostar por produtos que identifican e distinguen ao destino Rías Baixas como o enoturismo ou o Camiño, así como “a consolidación das grandes fortalezas dun destino capaz de mesturar con mestría: a costa co interior, o tirón do verán coa paz dun outono termal e o son dos concertos do Rías Baixas Fest e dos grandes eventos deportivos coa banda sonora dos grilos observando o esplendor do noso ceo nocturno”.
Aposta polo interior
A decisión de escoller Ponteareas para a celebración destas xornadas supón un novo paso adiante na estratexia da Deputación de descentralizar a actividade tanto turística como cultural e deportiva das grandes cidades e abrilas aos concellos do interior da provincia. “Organizar esta actividade en Ponteareas responde á mesma pretensión que organizar a gala do turismo en Moraña ou celebrar a entrega dos Premios Mestre Mateo en Lalín, que é demostrar a capacidade do interior da provincia para organizar congresos, reunións de traballo ou grandes eventos; que existen atractivos tan interesantes nesta comarca como en calquera ámbito urbano da provincia; e o compromiso da Deputación e do sector para entender o turismo non como unha ameaza para o noso benestar, senón como unha oportunidade para axustar o equilibrio territorial, repartir a riqueza e afrontar o reto demográfico”, concluíu o presidente Luis López.
