A Deputación remata esta fin de semana en Moraña e Mos coa programación de Cinema de Serán, o novo ciclo de cine na rúa para toda a familia
O sábado ás 21:00 horas proxectarase “Como entrenar a tu dragón” na explanada do Multiúsos de Moraña, mentres que o domingo poderase desfrutar de “Kung Fu Panda 4” ás 19:00 horas no Centro Dotacional de Torroso, en Mos
30/09/2026
A Deputación de Pontevedra remata esta fin de semana en Moraña e Mos con Cinema de Serán, o novo ciclo de cine na rúa para público familiar que se desenvolveu nos meses de setembro e outubro en dez concellos da provincia. Desta maneira, o sábado ás 21:00 horas proxectarase “Como entrenar a tu dragón” na explanada do Multiúsos de Moraña, ou no propio Multiúsos en caso de chuvia, mentres que o domingo poderase desfrutar de “Kung Fu Panda 4” ás 19:00 horas no Centro Dotacional de Torroso, en Mos.
Ademais de Moraña e Mos, ao longo do mes de setembro o ciclo Cinema de Serán percorreu xa os concellos de Forcarei, Tomiño, Fornelos de Montes, Covelo, A Guarda, Poio, Cuntis e Salvaterra de Miño coa proxección de películas como “Rondallas”, “+Cuñados”, “Lilo & Stich”, “A Galiña Turuleca”, “Kung Fu Panda 4” ou “Como entrenar a tu dragón”.
Os concellos que forman parte desta primeira edición de Cinema de Serán puideron escoller de entre un pequeno catálogo que incluía filmes de produción galega ou rodadas na comunidade, así como títulos de animación estreados nos últimos anos. Con esta actividade, o obxectivo da Deputación é que o público desfrute dunha xornada de cinema en familia e coas amizades nunha pantalla de gran formato nas prazas do seu pobo ou espazos a cuberto se o tempo non acompaña, e con flocos de millo de balde para todos as persoas asistentes.