A Deputación de Pontevedra acordará directamente coa organización o impulso necesario para que a Reconquista de Vigo sexa declarada de interese turístico internacional

Luisa Sánchez recorda que o éxito alcanzado por esta festa débese ao labor da AV Casco Vello, responsable da conmemoración do fito histórico acadado pola cidade en 1809

01/04/2026

A Deputación de Pontevedra acordará directamente coa organización da Reconquista de Vigo o impulso necesario para que esta festa sexa declarada de interese turístico internacional. Así o remarcou este mércores a vicepresidenta da institución, Luisa Sánchez, quen recordou o apoio formal que subscribiu a xunta de goberno provincial o pasado venres.

Neste sentido, explicou que esta designación como festa de interese turístico internacional por parte da Secretaría de Estado de Turismo require da existencia dun acordo plenario -xa aprobado-, dun informe favorable da Xunta de Galicia -comprometido polo director xeral de Turismo, Xosé Merelles- e da elaboración dun plan de difusión que a Asociación Veciñal do Casco Vello xa emprendeu.

Así, a vicepresidenta destacou que dous destes requisitos xa están garantidos e avanzou que a Deputación de Pontevedra colaborará economicamente coa asociación organizadora naquilo que precise, como vén ocorrendo a día de hoxe. “A organización ten acceso ao apoio que corresponde a calquera festa de interese turístico nacional e pode dispoñer de accións directas, subvencións nominativas ou outras fórmulas que se consideren axeitadas”, sinalou.

Ao fío, Luisa Sánchez subliñou que a Asociación Veciñal do Casco Vello é a única entidade responsable da organización da Reconquista. Do mesmo xeito, apuntou que a entidade é quen ten que solicitar e xestionar as axudas dispoñibles, polo que instou ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, a “non se preocupar” polo financiamento da festa, xa que a Deputación de Pontevedra “saberá entenderse” coa organización.

Igualmente, aclarou que a tramitación desta declaración non require da participación do Concello de Vigo, ao tempo que lembrou que “os tempos nos que a Deputación transfería fondos ao Concello para que este os canalizase a terceiros remataron en 2023”.

Sumar esforzos
Luisa Sánchez tamén fixo un chamamento a evitar a politización desta celebración, subliñando que “a Reconquista “pertence á asociación e, por extensión, á cidade; non ao Concello”. Neste sentido, pediu ao alcalde que “estea á altura da festa e do traballo que realiza a asociación, sumando esforzos en lugar de xerar confrontación”.

A vicepresidenta lembrou ademais que o goberno municipal non apoiou o acordo plenario aprobado o pasado mes no Concello de Vigo e que, segundo indicou, non adoptou iniciativas neste ámbito ata que ela formulou a proposta publicamente. “Semella que agora quérese colgar algunha medalla ou apropiarse dunha festa que non é súa”, advertiu.

Por último, apuntou que o Concello si ten un papel relevante en aspectos como a mellora do transporte público cara ao centro da cidade durante os días grandes da celebración, así como na limpeza viaria posterior ao evento, cuestións nas que, segundo sinalou, se rexistraron incidencias nesta última edición.

Galerias de imagenes