A Deputación adxudica por 210.000 euros a xestión dos obradoiros do programa Provincia Activa

O presidente Luis López explicou que está previsto que participen unhas 3.000 persoas neste programa de envellecemento activo que porá en marcha 160 obradoiros este ano

05/06/2026

A Deputación adxudica por 210.000 euros a xestión dos obradoiros do programa Provincia Activa

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar por algo máis de 210.000 euros o servizo de xestión, desenvolvemento e execución do programa Provincia Activa para este ano 2026. O presidente do organismo provincial, Luis López, explicou que está previsto que participen unhas 3.000 persoas neste programa de envellecemento activo que porá en marcha 160 obradoiros temáticos ao longo do ano en 44 concellos da provincia.

En liñas xerais, a través de Provincia Activa a Deputación de Pontevedra oferta obradoiros enmarcados nas áreas de benestar natural, saúde en movemento, emociónate, outra vida, con ritmo!, redeir@s e cerebro activo. Cada un dos obradoiros ofrecerá 25 prazas, contará cunha duración de 30 horas e impartiranse en xornadas de entre unha e tres horas á semana.

Provincia Activa trátase dunha iniciativa coa que o organismo provincial pretende promover o envellecemento activo, así como xerar espazos de encontro e intercambio de experiencias para fomentar a independencia das persoas maiores da provincia e evitar, deste xeito, o illamento e as situacións de soidade non desexada.

audios