A Deputación activa o procedemento para contratar a xestión do programa Provincia Activa, cun orzamento de preto de 270.000 €

O presidente Luis López explicou que está previsto que participen unhas 3.000 persoas neste programa de envellecemento activo que porá en marcha 160 obradoiros este ano

27/03/2026

A Deputación activa o procedemento para contratar a xestión do programa Provincia Activa, cun orzamento de preto de 270.000 €

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de activar o procedemento para contratar a xestión do programa Provincia Activa, cun orzamento de preto de 270.000 €. O presidente do organismo provincial, Luis López, explicou que está previsto que participen unhas 3.000 persoas neste programa de envellecemento activo que porá en marcha 160 obradoiros temáticos neste 2026.

En liñas xerais, a través de Provincia Activa a Deputación de Pontevedra vai ofertar obradoiros enmarcados nas áreas de benestar natural, saúde en movemento, emociónate, outra vida, con ritmo!, redeir@s e cerebro activo. Cada un dos obradoiros ofrecerá 25 prazas, contará cunha duración de 30 horas e impartiranse en xornadas de entre unha e tres horas á semana.

Provincia Activa trátase dunha iniciativa coa que o organismo provincial pretende promover o envellecemento activo, así como xerar espazos de encontro e intercambio de experiencias para fomentar a independencia das persoas maiores da provincia e evitar, deste xeito, o illamento e as situacións de soidade non desexada.

audios