A Deputación abre este luns os prazos para participar nas primeiras actividades deportivas que organiza este verán

As primeiras “Depo Andainas”, “DepoRutas BTT”, “Depo Orienta” e “Depo Auga”, que se desenvolverán entre xuño e agosto en Cangas, A Estrada, Poio e Tui, mobilizan máis de 600 prazas gratuítas. As persoas interesadas en participar deben inscribirse en www.depo.gal

04/06/2023

A Deputación de Pontevedra abre este luns, 5 de xuño, o prazo para participar nas primeiras actividades deportivas dos programas que conforman “Depo Actívate”: “Depo Andainas”, “DepoRutas BTT”, “Depo Orienta” e “Depo Auga”. As primeiras catro actividades terán lugar entre os meses de xuño e agosto en Cangas, A Estrada, Poio e Tui coa mobilización de máis de 600 prazas, todas elas gratuítas, para practicar modalidades deportivas como o pádel surf, o ciclismo de montaña, a orientación, o caiac e o sendeirismo. As persoas interesadas deberán cubrir os formularios de inscrición que estarán dispoñibles, a partir do luns, nos apartados dedicados a cada un  dos catro programas en www.depo.gal.

A actividade máis próxima é a de “Depo Auga”, que se celebrará os días 17 e 18 de xuño en Combarro e a Illa de Tambo, en Poio, e na que poderán participar un total de 32 persoas (16 o sábado e outras 16 o domingo). A través deste programa a Deputación ofrece experiencias únicas para practicar pádel surf e caiac poñendo en valor as rías e os ríos da provincia.

A seguinte en celebrarse será a estrea das “Depo Andainas”, con 200 prazas para percorrer a ruta da mazá na Estrada o vindeiro 25 de xuño. A través deste programa a Deputación organiza camiñadas que, ademais de rutas de sendeirismo, representan unha forma de vivir e de coñecer os lugares máis emblemáticos da provincia.

A seguinte actividade en celebrarse será a primeira “Depo Orienta”, o programa para practicar a modalidade de orientación en familia gozando da natureza. Celebrarase en Monte Aloia, en Tui, o 16 de xullo coa participación de ata un total de 200 persoas. E, finalmente, a primeira das tres competicións de ciclismo de montaña enmarcadas no programa “DepoRutas BTT”, e que levará tamén a un total de 200 prazas pola Costa da Vela, en Cangas, terá lugar o 27 de agosto.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.