#DEPORTES

Depo_Rutas BTT

Sube á bici e prepárate para vivir experiencias únicas

A Deputación de Pontevedra elabora unha serie de programas para o fomento de hábitos saudables a través da práctica de actividade física e deportiva en contacto coa natureza.


A provincia de Pontevedra esconde nos seus montes unha riqueza natural, ecolóxica e patrimonial inigualable. Por iso, a Deputación de Pontevedra anímate a participar no programa "Depo_Rutas BTT". Elixe a ruta que máis se adapte ás túas exixencias, sube á bici e prepárate para vivir experiencias únicas: "a vida é como montar en bicicleta, para manter o equilibrio hai que seguir pedaleando".

O programa "Depo_Rutas BTT" ofrece 3 rutas totalmente gratuítas, cun máximo de 200 participantes en cada unha.

Persoas beneficiarias

O programa está dirixido ás persoas que gocen do deporte en contacto coa natureza; as "Depo_Rutas BTT" abren a posibilidade de viaxar doutra maneira nunha aposta pola actividade física como forma de vida para coñecer e descubrir a variedade patrimonial da nosa provincia.

O programa está dirixido a persoas, grupos de amigas e amigos ou familias, maiores de 16 anos, que se consideren aptas para levar a cabo a actividade. As e os menores de idade deberán ir acompañados dunha persoa representante ou titora legal; no caso de familias con varias fillas ou fillos abondará cunha persoa representante ou titora legal por familia.

Formalización da inscrición

As e os participantes poderán inscribirse  a partir do día designado para tal efecto pola Deputación e ata completar o límite de prazas.

Ofertaranse un total de 200  prazas. Aquelas persoas que se anoten con posterioridade (ata un máximo de 50) pasarán á lista de agarda. O prazo de inscrición rematará o luns anterior á realización da ruta, ás 10 horas.

No caso de non poder asistir á ruta na que estea inscrita ou inscrito deberá comunicarllo ao Servizo de Deportes antes do peche de inscricións, o luns anterior á realización da ruta ás 10 horas, enviando un correo electrónico co nome e o DNI a deportes@depo.gal; deste xeito pasará a ocupar a súa praza unha persoa da lista de agarda. A partir dese día as persoas que renuncien ou non asistan á ruta serán sancionadas e quedarán automaticamente excluídas do resto de rutas.

Ás persoas participantes confirmaráselles a asistencia a través de www.depo.gal, coa publicación da lista definitiva.

Funcionamento do programa

O programa "Depo_Rutas BTT" ofrece 3 rutas espectaculares pola provincia de Pontevedra.

A ruta seleccionada realizarase co equipo de persoal establecido pola empresa e inclúe os avituallamentos.

As rutas serán neutralizadas, estarán sinalizadas e deberanse seguir o itinerario e o ritmo marcados pola organización. Será rigorosamente obrigatorio o uso de casco protector durante todo o percorrido. O feito de non respectar esta norma suporá a exclusión da ruta.

Días e rutas

Depo_Ruta BTT Costa da Vela (concello de Cangas) - Prazas esgotadas
DEPO_ANDAINA DA SIDRA DEPO_ANDAINA DA SIDRA
  • Apertura de inscricións: 5 de xuño (10:00h)
  • Peche de inscricións: 21 de agosto
  • Data de realización: 27 de agosto
  • Lista de persoas admitidas
  • Distancia total: Aprox. 34 km
  • Percorrido circular: ida e volta
  • Ruta (gpx)
  • Saída/chegada: antiga fábrica de Massó
    • Saída: 10.00 h
    • Dificultade: media
    • Será obrigatorio usar casco durante toda a actividade

Trátase dunha ruta de aproximadamente 34 km que transcorre pola Costa da Vela, en Cangas. Consiste nun percorrido circular que comeza na antiga fábrica de conservas de Massó e discorre a través de sendeiros desde os que se poderán observar espectaculares paisaxes, coma as praias de Liméns e Nerga, Cabo Home ou a praia de Melide, e tamén gozar dunhas magníficas vistas da ría de Vigo e das illas Cíes.

Na metade do percorrido ofreceráselles ás persoas participantes un avituallamento sólido.

PRAZAS ESGOTADAS
Depo_Ruta BTT Cultural (concello de Mondariz)
Depo_Ruta BTT Cultural (concello de Mondariz) Depo_Ruta BTT Cultural (concello de Mondariz)

Trátase dunha ruta de aproximadamente 25 km que pasa polo concello de Mondariz e discorre a través de paisaxes nas que poderemos gozar do carballo da Armada, unha árbore centenaria enmarcada nun parque forestal, das vistas do castelo de Sobroso ou da ermida de Santa Trega. Haberá un avituallamento na metade do percorrido e ao finalizar.

Depo_Ruta BTT Serra do Candán (Concello de Forcarei)
Depo_Ruta BTT Serra do Cando (concello da Forcarei) Depo_Ruta BTT Serra do Cando (concello da Forcarei)
  • Apertura de inscricións: 25 de setembro (10:00h)
  • Peche de inscricións: 23 de outubro
  • Data de realización: 29 de outubro
  • Distancia total: Aprox. 25 km
  • Percorrido circular: ida e volta
  • Ruta (gpx)
  • Saída/chegada: igrexa de San Mamede de Millerada
    • Saída: 10.00 h
    • Dificultade: media
    • Será obrigatorio usar casco durante toda a actividade

Trátase dunha ruta de aproximadamente 25 km que percorre o concello de Forcarei e pasa pola serra do Candán, un espazo natural con amplas praderías e carballeiras. Ao longo do percorrido poderanse observar incribles panorámicas da serra. Haberá un avituallamento na metade do percorrido e ao finalizar.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.

ODS NOS QUE TEN IMPACTO