Luis López asina coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, unha achega de 860.000€ para construír unha nova senda peonil na estrada do Pazo, en Ardán
O presidente provincial recibe á rexedora e deputada provincial para selar un acordo no que a Deputación combina os recursos do Plan Extra e +Provincia para financiar o 100 % dunha obra que mellorará a seguridade viaria e a mobilidade peonil deste núcleo
03/11/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina coa alcaldesa Marín e deputada provincial, María Ramallo, o convenio para a creación dunha nova senda peonil accesible e segura na estrada do Pazo, na parroquia de Ardán. Un proxecto enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Ramallo selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega os 863.000 euros que custará a obra a través da combinación dos recursos do Plan Extra (600.000€) e do Plan +Provincia (260.000€). Unha inxección de fondos provinciais que contribúe á transformación dos espazos públicos para fomentar a mobilidade peonil e impulsar a seguridade viaria neste núcleo de poboación.
A estrada do Pazo é a vía principal de acceso ao cemiterio da Parroquia de Ardán desde os núcleos de Xuncal e O Pazo. Con este proxecto preténdese a creación dun itinerario peonil seguro que conecte estes dous núcleos co cemiterio da parroquia. Nos tramos do itinerario que atravesan os núcleos poboacionais de Xuncal e O Pazo, por razóns de espazo, non é posible a implantación dunha senda peonil polo que estas áreas serán convertidas en zonas de convivencia de prioridade peonil. Construirase unha plataforma única mantendo un ancho constante de 2,50m. O inicio e final destes treitos e da zona de convivencia estará delimitado por redutores de velocidade. Actuarase tamén na entrada ao cemiterio de Ardán mellorando a súa accesibilidade e recuperando o espazo de acceso ao mesmo, dando continuidade á senda a través dun paso peonil sobreelevado que permita o cruzamento da calzada. A marquesiña de parada de autobús desprazarase para que a visión da fachada do cemiterio quede despexada. Na marxe oposta, executarase unha cuneta receptora directa das augas das escorrentías para que deixen de invadir o viario. Nos tramos do itinerario situados entre os núcleos de poboación e o cemiterio, onde se implantará a senda peonil, rehabilitarase o pavimento da calzada existente, destinada ao tráfico motorizado.
A sinatura deste acordo supón un novo paso adiante na colaboración da Deputación co Concello de Marín, onde tamén están en marcha diferentes proxectos encamiñados tanto á mellora do espazo público, como de instalacións deportivas ou infraestruturas viarias.
