Luisa Sánchez clausura en Vigo o Proxecto DANA, que formou doce mulleres en defensa persoal e xestión emocional
10/11/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, clausurou este martes en Vigo o Proxecto DANA da Fundación Érguete, unha iniciativa que beneficiou este ano a doce mulleres a través dunha formación orientada á defensa persoal, á prevención da violencia e ao fortalecemento da autonomía. Neste sentido, a responsable provincial salientou que o programa vaia máis alá da aprendizaxe de técnicas físicas e incorpore ferramentas para traballar a autoestima, a xestión emocional e a detección de formas de violencia que poden pasar desapercibidas, como o control ou a intimidación. A Deputación de Pontevedra apoia o desenvolvemento deste proxecto cunha axuda de máis de 5.200 euros, incrementando así a súa achega por quinto ano consecutivo.
