Máis de 500 persoas participan esta fin de semana no programa da Deputación “En Ruta coa Depo”

Veciños de Redondela, Ponteareas, Cuntis, Ponte Caldelas, Pazos, Vilagarcía, Moaña, Silleda e Vigo participan en 10 saídas para coñecer lugares singulares da provincia os días 12 e 13 de agosto

11/08/2023

A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana outras dez novas saídas no marco do programa provincial “En Ruta coa Depo”, unha iniciativa que ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial. Entidades dos concellos de Redondela, Cuntis, Ponte Caldelas, Vigo, Pazos, Vilagarcía de Arousa, Moaña, Silleda e Ponteareas mobilizarán un total de 540 persoas (54 por entidade) para coñecer diversos enclaves da provincia como a Illa de Ons, Portonovo, as illas Cíes, o barrio mariñeiro do Berbés, a illa de San Simón, a illa de Tambo ou a ría de Arousa.

Cinco entidades da provincia sairán con “En Ruta coa Depo” este sábado 12 de agosto. A Asociación Andaina de Persoas con Diversidade Funcional de Redondela desprazarase ás illas Cíes e ao barrio vigués do Berbés, mentres que as asociacións de Mulleres Rurais A Nosa Señora do Socorro, de Cuntis, e Aires del Norte y Olé, de Ponte Caldelas, viaxarán á illa de Ons e á localidade mariñeira de Portonovo (Sanxenxo). Ademais, o Club de Fútbol Balaídos de Vigo desfrutará dunha ruta polo Morrazo, que inclúe actividades de caiac na praia de Liméns e a visita aos enclaves de Costa da Soavela, Cabo Home e Monte do Facho e ás praias de Melide e Barra. Pola súa banda, a Asociación Cultural Nespereira, de Pazos de Borbén, participará nunha ruta pola ría de Arousa, que inclúe un paseo en barco e visitas á illa da Toxa e o Museo Salgadeiras de Moreiras no Grove.
 
O día seguinte, o domingo 13, terán lugar outras cinco rutas. Dous dos colectivos, Asociación Areva de Vilagarcía e Casa Cultural Artística e Deportiva de Areas, de Ponteareas, viaxarán á illa de San Simón e coñecerán tamén o Castelo de Soutomaior, Ponte Sampaio e Redondela, con visita ao Museo Meirande. O Club de Xubilados e Pensionistas Nosa Señora do Carme de Moaña participará nunha ruta para coñecer a cultura mariñeira de Poio, con parada no Mosteiro de San Xoán, a illa de Tambo e Combarro. Por último, a Asociación Veciñal Manduas, de Silleda, e a Asociación Mulleres Ponteareanas Vila do Corpus, desprazaranse á illa de Ons e á localidade mariñeira de Portonovo.

A través de “En Ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra ofrece 33 rutas temáticas nas que este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100% co obxectivo de achegar a iniciativa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social. O programa inclúe o desprazamento de ida e de volta en autobús, unha visita guiada cunha persoa habilitada como guía de turismo especializada de Galicia, e mais un xantar.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.