A Deputación aproba as bases do programa “Culturea”, cun millón de euros para espallar cultura por toda a provincia

O programa atenderá as demandas de asociacións de veciñas e veciños ou comisións de festas da provincia, que poderán solicitar actuacións de ata 1.300 artistas e grupos de música, teatro ou danza para os seus festexos

22/12/2023

A Deputación de Pontevedra de Pontevedra acaba de aprobar as bases do novo programa “Culturea” que, dotado cun millón de euros, espallará e manterá viva a cultura popular e as tradicións en todo o territorio da provincia. Esta iniciativa, tal e como explicou o presidente da Deputación, Luis López, atenderá as demandas de entidades locais menores, asociacións ou agrupacións sen ánimo de lucro coma asociacións de veciños ou comisións de festas da provincia, que poderán solicitar actuacións de 1.300 artistas e grupos de música, teatro ou danza para os seus festexos.

As solicitudes poderanse formular pola Sede electrónica a partir do día seguinte ao da publicación das bases de “Culturea” no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. Para facilitar os trámites, o presidente, Luis López, explicou que a Deputación poñerá a disposición das diferentes entidades un catálogo coa ampla variedade de grupos, artistas e compañías ofertadas, nas múltiples e variadas expresións artísticas da provincia, para que poidan programar as súas actividades. O catálogo inclúe desde grupos de animación infantil ata espectáculos audiovisuais, de baile moderno, ballet, bandas de gaitas, bandas de jazz, bandas de música, cantautores, charangas, grupos de gaitas, grupos de playback, grupos folclóricos e folk, grupos músico vocais, grupos de pop rock, humoristas, corais, artistas de maxia, música clásica, orquestras clásicas, pandeireteiras, poetas, rondallas ou compañías de teatro.

Ademais, o novo programa provincial reforzará a súa estratexia de difusión a través da habilitación da Axenda Cultural Provincial, dispoñible na web da Deputación de Pontevedra, co obxectivo de ofrecerlles unha maior visibilidade ás actuacións, e promover a reputación da nosa provincia como destino cultural. Nesta liña de visibilizar o programa, “Culturea” terá tamén un plan de difusión de contidos propios nas redes sociais da institución provincial, nas que ofrecerá, ademais, a impresión de carteis promocionais para aquelas entidades que así o soliciten.