Luis López presenta “Culturea”: o plan de apoio aos colectivos culturais da provincia que aumenta o seu orzamento ata o millón de euros

O presidente da Deputación destaca que a partida reservada para este programa para o próximo ano aumenta un 25 % en comparación co consignado no ano 2023

15/12/2023

Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este venres o renovado plan de apoio do Goberno provincial ao sector cultural bautizado co nome de “Culturea”. Un programa pensado para apoiar tanto ás entidades sen ánimo de lucro como as agrupacións culturais que manteñen viva a cultura popular e as tradicións en todo o territorio da provincia e que contará no ano 2024 cun orzamento dun millón de euros, un 25 % máis do consignado para o 2023. “Culturea é o herdeiro dos plans de apoio que se veñen poñendo en marcha na Deputación desde os anos 80, incluído o Pontegal e ademais é o programa cultural máis ambicioso desde o punto de vista orzamentario”, recoñeceu o mandatario provincial durante a presentación desta iniciativa.

Este plan de apoio ao tecido cultural será o que contará “con máis capilaridade na provincia”, pois atenderá as demandas das asociacións de veciños, comisións de festas, celebracións gastronómicas ou reunións de barrios. Será tamén o máis diverso e amplo de todo o territorio, pois abrangue a todos os pequenos grupos que “enchen de cor as aldeas e barrios de Pontevedra”, destacou López.

Ademais de redobrar a aposta orzamentaria, o programa “Culturea” reforza tamén a súa estratexia de difusión a través da páxina web da axenda cultural da provincia, contará con perfís propios en redes sociais e dará maiores facilidades para a impresión e o deseño de carteis.

“Un millón de euros para mellorar e reforzar un plan emblemático para a Deputación, que agora se converte nun chamamento a encher de cultura a provincia: Culturea!”, concluíu o presidente, Luis López.

videos

audios