A Deputación pecha este mércores o prazo das axudas DepoVAN para a adquisición ou adaptación de vehículos por parte de clubs deportivos

As axudas, dotadas de 300.000 euros, buscan facilitar os desprazamentos, especialmente das persoas con discapacidade, aos seus adestramentos, competicións e outras actividades do seu ámbito

17/08/2025

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata este mércores 20 de agosto o prazo para que os clubs deportivos da provincia soliciten as axudas DepoVAN, coas que poder adquirir ou adaptar furgonetas e outros vehículos. A liña está dotada de 300.000 euros e axudará a facilitar os desprazamentos, especialmente das persoas con discapacidade, aos seus adestramentos, competicións e calquera outra actividade do seu ámbito, así como ao traslado de materiais. O goberno provincial pon en marcha estas axudas tendo en conta as dificultades de moitos clubs para acceder a estes bens por cuestións económicas, na busca de fortalecer o tecido deportivo da provincia.

As axudas distribúense en tres ámbitos de actuación: deporte xeral, deporte náutico e deporte para persoas con discapacidade, cun reparto de 150.000 euros, 100.000 euros e 50.000 euros, respectivamente. No caso do deporte en xeral e do deporte náutico as axudas oscilan entre os 5.000 € como máximo para adquirir remolques, ata os 15.000 € para mercar vehículos de segunda man ou os 25.000 € para vehículos novos. Pola súa banda, os clubs que acrediten unha traxectoria mínima de dous anos na promoción ou práctica do deporte entre persoas con discapacidade beneficiaranse de ata 50.000 € distribuídos en 5.000 € como máximo para adquirir remolques, realizar traballos de adaptación de vehículos ou mercar aparellos para facilitar o traslado de deportistas con discapacidade, ata 15.000 € para mercar vehículos de segunda man e un máximo de 25.000 € para adquirir vehículos novos.

A concesión das axudas realizarase polo procedemento de concorrencia competitiva en base a criterios como o número de licencias, o nivel de participación en competicións oficiais, o número de habitantes do concello ou se o club xa conta con outros vehículos. Só se aceptará unha solicitude por club e as bases poden consultarse no BOPPO.

DepoVAN responde ao compromiso da Deputación co desenvolvemento deportivo e á necesidade de garantir a igualdade de oportunidades no acceso e práctica deportiva, especialmente para aquelas persoas ou entidades que, polas súas circunstancias, requiren adaptacións específicas. Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra busca mellorar as condicións de mobilidade e promover unha práctica deportiva segura, estruturada e accesible para todos os deportistas da provincia, con especial atención ás necesidades específicas das persoas con discapacidade.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.