A Deputación duplica as axudas DepoVAN, que chegan aos 600.000 euros para que os clubs deportivos da provincia adquiran medios de transporte

“Este é un goberno que escoita, entende e atende. Soubemos detectar unha necesidade entre os clubs deportivos e atendémola creando este novo programa que agora duplica os recursos para non deixar a ninguén atrás”, subliñou o presidente provincial Luis López

28/11/2025

Luis López en rolda de prensa

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno a modificación das bases de axudas do programa DepoVAN, que chegarán aos 600.000 € para que os clubs deportivos da provincia adquiran medios de transporte. “Este é un goberno que escoita, entende e atende –subliñou o presidente provincial Luis López-. Soubemos detectar unha necesidade entre os clubs deportivos e atendémola creando este novo programa que agora duplica os recursos para non deixar a ninguén atrás, para dotar a máis clubs dos medios precisos para medrar e para seguir facendo de Pontevedra a provincia do deporte”.

Os recursos pasan dos 300.000 € iniciais aos 600.000 € e serán distribuídos de tal xeito que os clubs de deporte en xeral terán á súa disposición 300.000 € (inicialmente eran 150.000 €) para adquirir medios de transporte para levar a cabo a súa actividade deportiva, os de deporte náutico 200.000 € (fronte aos 100.000 € iniciais) e os de persoas con discapacidade 100.000 € (inicialmente eran 50.000 €).

Ademais de duplicar os recursos, tal e como explicou o presidente, axustáronse os prazos de tal xeito que haberá maior tempo tanto para adquirir os medios de transporte, que será posible ata o 31 de marzo do próximo ano, como para realizar as xustificacións, ata o 30 de xuño do 2026.

videos

audios