Luisa Sánchez anuncia que a Deputación duplicará o presuposto para axudar aos clubs deportivos na compra de vehículos ante o “éxito” do programa DepoVAN
O orzamento asignado a esta liña de subvencións, que superou as cen solicitudes, elevarase ata os 600.000 euros para “dotar a máis clubs dos medios precisos para medrar”
28/09/2025
A Deputación de Pontevedra duplicará o presuposto da liña de subvencións destinada a sufragar os custos derivados da adquisición ou adaptación de vehículos e medios de transporte dedicados especificamente á actividade deportiva, que pasará dos 300.000 aos 600.000 euros. O "éxito" desta iniciativa, aprobada pola xunta de goberno o pasado 27 de xuño, quedou constatado ao recibirse máis de cen solicitudes.
Deste xeito, tal e como anunciou a vicepresidenta, Luisa Sánchez, a Deputación "redobra a súa aposta" polo programa DepoVAN co obxectivo de que "máis clubs poidan contar cos medios precisos para medrar e seguir facendo de Pontevedra a provincia do deporte".
Con esta ampliación orzamentaria, o ente provincial procura axustar os fondos dispoñibles á demanda amosada polos clubs. Segundo salienta a vicepresidenta e responsable da área de Deportes, a Deputación "soubo detectar unha necesidade e está a poñer todo da súa parte para satisfacela".
Estas axudas repártense en tres áreas: deporte xeral (150.000 euros), deporte náutico (100.000 euros) e deporte para persoas con discapacidade (50.000 euros). As contías poderán destinarse á compra de vehículos novos, vehículos de segunda man, vehículos para persoas con discapacidade, aparatos para o traslado de deportistas con discapacidade e remolques.
Cada entidade pode solicitar ata 25.000 euros para a compra de vehículos novos, 15.000 euros se son usados e un máximo de 5.000 euros para mercar remolques, adaptar vehículos ou adquirir dispositivos específicos para persoas con discapacidade.
As subvencións concédense por concorrencia competitiva. A este respecto, valórase o número de licencias federativas totais da entidade, o nivel de participación en competicións oficiais e a necesidade de transporte, o número de habitantes do concello no que estea radicado o club e os vehículos dos que este dispoña.
Esta subvención encamiñada a mellorar a mobilidade e seguridade dos clubs deportivos nos seus desprazamentos a competicións e adestramentos é compatible coas que poidan outorgar outras administracións públicas.