A Deputación mantén aberto ata este venres, 15 de marzo, o prazo de solicitude dos programas “+Música” e “+Xuventude”

Os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia poderán escoller, entre un amplo catálogo de grupos, actuacións para as súas vilas e localidades ao abeiro de “+Música”

11/03/2024

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata este venres, 15 de marzo, o prazo de solicitude dos programas “+Música” e “+Xuventude”. O primeiro deles, dotado cun orzamento de 600.000 euros (un 16 % máis que o pasado ano) e dirixido aos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, está centrado na programación de actuacións ou concertos en lingua galega ou con pezas de autoría galega. Pola súa banda, “+Xuventude” trátase da primeira liña de axudas da historia da Deputación dirixida á mocidade, dotada con 100.000 euros e destinada a asociacións xuvenís da provincia ou grupos de mozas e mozos de entre 18 e 35 anos.

Para “+Música” a Deputación de Pontevedra dispón na súa web dun catálogo con información detallada de ata 150 grupos ou artistas de estilos diferentes. Os concellos poderán presentar solicitudes de actuacións e concertos a través da Sede electrónica e terán a opción de escoller un máximo de dous grupos ou artistas entre os dispoñibles no catálogo, por orde de preferencia, para unha data previamente acordada cos grupos solicitantes. Unha vez avaliadas as solicitudes, a cada Concello interesado concederáselle unha única actuación, e a institución provincial aboará o 100 % do caché do espectáculo, de cuxa produción se fará cargo o Concello.

No caso de “+Xuventude”, as asociacións xuvenís da provincia ou grupos formados por entre 3 e 8 persoas de 18 a 35 anos poderán beneficiarse de ata 5.000 euros para poñer en marcha os seus proxectos.  As propostas que poden optar ás axudas do programa deben enmarcarse nas seguintes áreas: iniciativa empresarial; vida saudable e loita conta a violencia e conductas de risco; fomento da cultura en todas as súas áreas, da innovación así como a promoción de sectores coma o científico, tecnolóxico e dixital, as ciencias xurídicas e as sociais; creación de consellos locais de xuventude e o fomento do asociacionismo e voluntariado xuvenil; promoción do desenvolvemento e dinamización do medio rural, a loita contra a soidade non desexada, así como proxectos que teñan impacto no rural desde a perspectiva de reto demográfico; e protección do medio e loita contra o cambio climático.