Luisa Sánchez asiste á apertura do obradoiro de xardinería do programa provincial +Xuntas no que participa a Asociación Pedra da Vella
15/05/2025
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu este xoves á apertura do curso de xardinería do programa provincial +Xuntas no que están a participar mulleres da Asociación Pedra da Vella de Vigo. A vicepresidenta salientou que as participantes, ademais de aprender sobre xardinería, tamén recibirán outros beneficios asociados como "reducir o estrés, fortalecer o sistema inmunolóxico, aumentar o autoestima, mellorar o estado de ánimo e mesmo traballar a memoria".
Luisa Sánchez lembrou que a través das accións de +Xuntas a Deputación busca "mellorar a formación das mulleres e crear redes de apoio mutuo para impulsar a vosa participación activa e a xeración de vínculos", e encadrou este programa no "compromiso irrenunciable deste goberno coa igualdade". A vicepresidenta provincial puxo en valor que este ano participarán máis de 200 colectivos no programa +Xuntas, con ata 5.000 mulleres de 56 concellos, e lembrou que a Asociación de Mulleres Pedra da Vella tamén se beneficiou das axudas da Deputación a iniciativas no ámbito social para a realización dun "Ludoxogo".