A Deputación abre o prazo de solicitude para Explora Manzaneda, o novo programa de estadías na estación de montaña para 160 mozas e mozos da ESO da provincia
Entre o 1 e o 15 de outubro pódense solicitar as prazas para participar neste programa que beneficiará ao alumnado de 1º a 4º da ESO de ata 8 centros educativos de concellos de reto demográfico da provincia
29/09/2025
A Deputación de Pontevedra abre desde este mércores e ata o 15 de outubro o prazo de solicitude para Explora Manzaneda, o novo programa de estadías de tres días e dúas noites na estación de montaña do que se poderán beneficiar 160 mozas e mozos que cursan entre 1º e 4º da ESO de ata oito centros educativos de concellos de reto demográfico da provincia. As prazas asignaranse por orde de entrada.
As estadías terán lugar entre xaneiro e marzo do 2026 e a institución subvencionará a cantidade de 160 euros por cada alumno/alumno. O programa contempla o desprazamento de ida e volta en autobús, o aloxamento e pensión completa, así como un curso de iniciación ao esquí con todo o equipo e materiais necesarios, forfait, acceso á piscina climatizada, atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.
Trátase, tal e como remarcou o presidente provincial Luis López na presentación do programa, dunha iniciativa dirixida "á mocidade da provincia, para que viva experiencias únicas de convivencia e aprendizaxe no medio natural e para completar a súa formación integral a través do deporte, da natureza e do respecto pola contorna".