A Deputación ultima o prazo de solicitude para Explora Manzaneda, o novo programa de estadías na estación de montaña para 160 mozas e mozos da ESO da provincia
As prazas para participar neste programa, que beneficiará ao alumnado de 1º a 4º da ESO de ata 8 centros educativos de concellos de reto demográfico da provincia, pódense solicitar ata o 15 de outubro a través da sede electrónica da institución provincial
08/10/2025
A Deputación de Pontevedra ultima o prazo para solicitar as prazas de Explora Manzaneda, o novo programa de estadías de tres días e dúas noites na estación de montaña, do que se poderán beneficiar 160 mozas e mozos que cursan entre 1º e 4º da ESO de ata oito centros educativos de concellos de reto demográfico da provincia. As solicitudes poden presentarse ata o 15 de outubro a través da sede electrónica da institución provincial.
As estadías terán lugar entre xaneiro e marzo do 2026 e a institución subvencionará a cantidade de 160 euros por cada alumno/alumno. O programa contempla o desprazamento de ida e volta en autobús, o aloxamento e pensión completa, así como un curso de iniciación ao esquí con todo o equipo e materiais necesarios, forfait, acceso á piscina climatizada, atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.
Explora Manzaneda é unha iniciativa coa que a Deputación de Pontevedra busca que a mocidade da provincia viva experiencias únicas de convivencia e aprendizaxe no medio natural, así como completar a súa formación integral a través do deporte, da natureza e do respecto pola contorna. As bases da convocatoria están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.