Carmela Silva comparte xornada coas nenas e nenos que desfrutan de Depo Aventura na Lanzada

A presidenta provincial visitou as renovadas instalacións onde se desenvolven os campamentos, nos que este verán participarán un total de 1.540 crianzas da provincia e anunciou que para o 2023 incrementarase o número de prazas

03/08/2022

Carmela Silva en Depo Aventura na Lanzada

Despois de dous anos de parón pola pandemia, había ganas de campamento na Lanzada. Así o amosan os nenos e nenas que están a participar nesta semana na quenda de Depo Aventura e que hoxe recibiron a visita da presidenta provincial Carmela Silva. Despois de facer un percorrido polas renovadas instalacións e de dirixirse ás crianzas, a presidenta destacou a satisfacción por volver a realizar esta actividade, “porque este é un campamento diferente, para aprender convivindo e desfrutando, nun lugar privilexiado na costa que permite que nenas e nenos se relacionen e aprendan dunha forma máis vivencial”. Carmela Silva anunciou que para o 2023 a Deputación volverá incrementar ás prazas, este ano reducidas pola transición trala Covid a un total de 1.54o, a fin de intentar cubrir na medida do posible o elevado número de solicitudes, que este 2022 acadaron as 3.000.

“Imos valoralo –explicou- porque non soamente podemos pensar en cubrir a demanda, senón tamén en manter a calidade do servizo, pero para o ano que vén hai que aumentar as prazas. Neste 2022 queriamos ver como funcionaba todo trala pandemia e estou moi satisfeita, creo que hai poucos lugares que teñan esta calidade das instalacións e quero destacar o servizo que está a prestar a empresa adxudicataria e o labor que desenvolven os monitores e monitoras. Esta actividade, sinalou, foi a primeira que tivemos que restrinxir pola Covid e abrila é como volver abrir a vida que tiñamos antes da Covid”.

A presidenta, que estivo acompañada do director do campamento, Carlos Antonio Gayoso, destacou que Depo Aventura “é unha das actividades máis fermosas que desenvolve a Deputación” e subliñou o seu carácter “inclusivo”, con prazas para crianzas con diversidade funcional, e integrador pola presenza de nenos e nenas “de toda a provincia”, que non só desfrutan de actividades de lecer, senón que o fan traballando en eidos como respecto ao medio ambiente ou a igualdade. Carmela Silva lembrou que as instalacións foron melloradas este ano, co aumento do número de tendas de campaña e o acondicionamento de espazos, “de xeito que a prestación do servizo, que é excelente todos os anos, neste incluso o é máis que os anteriores”. “Este campamento –engadiu- representa un modelo educativo de aprendizaxe en valores do que eu son partícipe, para que os nenos e nenas aprendan a través de experiencias positivas, sendo felices, e creo que aquí acontece”.

No seu encontro coa rapazada, convidoulles a desfrutar desta magnífica experiencia, a mancharse durante estes días, a sorrir e tamén “a vivir con alegría e a aprender moitas cousas”, entre elas a lingua de signos coa que se están a familiarizar da man da Asociación de persoas Xordas Xoga. Tamén lembroulles a necesidade de aforrar auga, “un recurso escaso que temos que coidar con sentidiño”. A presidenta deulles ánimos no reto de deseñar a mascota de Depo Aventura 2023, unha das actividades que están a desenvolver, “e que non usamos só para anunciar o campamento, senón tamén en moitas actividades gráficas, porque sodes moi creativas e creativos, tedes unha enorme intelixencia e facedes cousas que realmente sorprenden”. Por outra banda, entre os proxectos de futuro, anunciou que para vindeiras edicións traballarase “na convivencia cos animais”.

Trala visita da presidenta, a rapazada, dividida en grupos de ata 18 nenos e nenas, continuou a participar nas actividades na praia e no campamento previstas para esta xornada. No primeiro caso, tocaron bodyboard, snorkel, xogos e a iniciativa Aventura na Praia, mentres que no campamento desenvolvéronse o taller de Mulleres Científicas, deportes alternativos, a actividade Aventura no Campamento e o deseño da Mascota 2022. Son algunhas das propostas con que conta este ano Depo Aventura, que ten como temática central “A Lanzada, un paseo pola Historia” e que tamén contempla iniciación á inmersión lingüística con actividades lúdicas en inglés. Unha das novidades dentro das propostas é a feira romana Arde Lanzadus, que se suma ás actividades deportivas, nas que amais das citadas tamén están o tiro con arco ou os malabares, e de ocio, como as excursións ao Monte da Siradella e a Ons. Todas están a ser  prestadas por un equipo especializado.

Os campamentos comezaron o 26 de xuño e continuarán ata o 10 de setembro e, do total de 1.540 prazas, 210 son para menores en risco de exclusión social, delas 25 para usuarios e usuarias do Centro Príncipe Felipe. En cada unha das 11 quendas semanais asisten 140 nenos e nenas de entre 8 e 13 anos.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.