A Deputación abre o prazo para participar nos campamentos Depo Aventura A Lanzada 2023

Ata o 28 de febreiro poderase solicitar algunha das 1.540 prazas para o programa de lecer que a institución organiza cada verán nas instalacións do Grove

30/01/2023

A Deputación abrirá este martes, 31 de xaneiro, o prazo para participar no programa Depo Aventura A Lanzada, que se espallará entre o 25 de xuño e o 9 de setembro nas instalacións que a institución provincial ten no Grove. Ata o 28 de febreiro poderase solicitar algunha das 1.540 prazas ofertadas para desfrutar do completo programa de lecer que a Deputación organiza cada verán, cun amplo abano de actividades encamiñadas ao enriquecemento persoal da rapazada. Os campamentos desenvolveranse en once quendas entre o 25 de xuño e o 9 de setembro e están dirixidos a nenas e nenos empadroados na provincia e nados entre os anos 2010 e 2015.

O tiro de saída ao programa Depo Aventura A Lanzada terá lugar o 25 de xuño, coa primeira quenda que se espallará ata o 1 de xullo. As restantes terán lugar entre o 2 e o 8 de xullo, o 9 e 15 de xullo,  do 16 ao 22 de xullo, do 23 ao 29 de xullo, entre o 30 de xullo e o 5 de agosto, do 6 ao 12 de agosto, do 13 ao 19 de agosto, do 20 ao 26 de agosto, entre o 27 de agosto e o 2 de setembro e do 3 ao 9 de setembro.  En cada unha das quendas participarán 140 nenas e nenos ata completar as 1.540 prazas ofertadas, das que 210 se reservarán para menores en risco de exclusión social e as 1.330 restantes seguirán o procedemento xeral. Todas as prazas serán adxudicadas por sorteo.

Desde 2015 pasaron pola Lanzada un total de 12.529 nenas e nenos da provincia. No 2022 as nenas e nenos realizaron unha completa listaxe de actividades deportivas e de ocio na praia pero tamén iniciativas de coñecemento da contorna natural, excursións ao Monte da Siradella e á Illa de Ons, obradoiros de pulseiras, personalización de gorras, pintura, xogos e veladas nocturnas, unha recreación dunha feira romana (Arde Lanzadus), actividades circenses (malabares, clown, equilibrios), xincana de pistas, así como crearon a mascota do campamento e realizaron un obradoiro dedicado ás mulleres na ciencia.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.