Meaño acolle este domingo a función de Migallas Teatro ao abeiro do ciclo de teatro da Deputación

A compañía pontevedresa poñerá en escena “Falemos como galegas”, ás 19:00 horas no Centro Social de Dena nunha función con entrada libre ata completar o aforo

21/10/2023

O Centro Social de Dena será escenario este domingo 22 de outubro, da actuación da compañía pontevedresa Migallas Teatro, que porá en escena a obra Falemos como galegas no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A función dará comezo ás 19:00 horas e a entrada será libre ata completar a capacidade.

Falemos como galegas é un espectáculo humorístico interactivo onde se abordan varias cuestións sobre a lingua galega, coma por exemplo o porqué da súa situación, os falsos tópicos máis comúns ao redor dela, de onde veñen os prexuízos sobre a lingua ou cal é o seu futuro. María Campos e Carlos Yus danlle vida en esta peza, dirixida ao público mozo e adulto, a un feixe de personaxes entre os que se atopa a popular señora de Palmírez, coñecida polas súas intervencións no programa Luar e toda unha icona do “castrapismo”.

Co ciclo teatral “Tornar ás táboas” a Deputación de Pontevedra vai achegar entre outubro e decembro un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos doutros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, coa participación de trinta compañías galegas que ofrecerán unha ampla variedade de espectáculos.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.