Vilanova de Arousa acolle este martes o espectáculo “Quen dixo medo?”, da compañía Barafunda, ao abeiro do ciclo teatral da Deputación

A función, dirixida ao público infantil e familiar e ambientada nas historias da noite de Samaín, terá lugar ás 18:00 horas no Edificio Multiúsos e está dirixida ao público infantil e familiar

30/10/2023

Quen dixo medo?

Vilanovade Arousa será este martes 31 de outubro a nova parada do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. Deste xeito, o Edificio Multiúsos acollerá, ás 18:00 horas, o espectáculo “Quen dixo medo?”, a cargo da compañía Barafunda e dirixido ao público infantil e familiar.

Trátase dun espectáculo de animación, movemento e clown ambientado nas historias da noite do Samaín, no que dúas personaxes farán bailar as e os nenos asistentes e xogar a ser auténticos monstros. A través destes xogos musicais, a rapazada aprenderá a relacionarse e a comprender que ser diferente ás demais persoas non é malo. A compañía que protagoniza a función, Barafunda Teatro, iniciou a súa traxectoria no 2009 e produce, crea e promove actuacións culturais arredor do teatro, a música, o clown e os monicreques.

​Co ciclo teatral “Tornar ás táboas” a Deputación de Pontevedra vai achegar entre outubro e decembro un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, coa participación de trinta compañías galegas que ofrecerán unha ampla variedade de espectáculos. 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.