O ciclo de teatro da Deputación chega este sábado 28 a Pontecesures coa función “Abracadáver”, protagonizada por Dani Blanco

A Sala de Cultura acollerá a representación, que se enmarca no ciclo provincial “Tornar ás táboas”, ás 18:30 horas

27/10/2023

A Sala de Cultura de Pontecesures será o escenario, este próximo sábado 28 de outubro, da función Abracadáver, un espectáculo de Dani Blanco que chega no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A representación dará comezo ás 18:30 horas e a entrada será libre ata completar a capacidade.

Abracadáver é un espectáculo de circo “terrorificamente divertido” dirixido ao público infantil e familiar. A través de Rogelio, un personaxe de ficción ao que lle dá vida o actor Dani Blanco, a proposta está chea de sustos e humor, e caben clown, malabares, escapismo, música... Todo á disposición dun actor preparado para levar a cabo o seu “abracadáver”.

Co ciclo teatral “Tornar ás táboas” a Deputación de Pontevedra vai achegarlles, entre este mes de outubro e decembro, un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, coa participación de trinta compañías galegas que ofrecerán unha ampla variedade de espectáculos.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.