O ciclo teatral da Deputación chega a Oia co espectáculo “Heinrich, aprendiz de mago”, de Simplemente Enricco

A función terá lugar este martes 31 de outubro, ás 17:30 horas, no Centro Cultural de Mougás, e está dirixida ao público infantil e familiar

30/10/2023

Heinrich, aprendiz de mago

O Centro Cultural de Mougás, no concello de Oia, será escenario este martes 31 de outubro da actuación de Simplemente Enricco, que porá en escena o espectáculo Heinrich, aprendiz de mago, no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A función, dirixida para o público infantil e familiar, está prevista para as 17:30 horas.

Este espectáculo de maxia, teatro e circo da autoría de Juan Enrique Hernanz Lazaro, quen tamén é o seu intérprete, amosa a historia dun mago peculiar, Heinrich, que pese á súa aparencia é un desastre coa maxia: case nunca lle saen os trucos ou nótase a trampa. Pero baixo este personaxe ocúltase un veterano malabarista e equilibrista que realizará arriscados números e, nunha estrutura de funambulismo, mesmo logrará levitar. Nalgún momento do espectáculo, para sorpresa do protagonista, comezarán a suceder cousas misteriosas e inexplicables no escenario.

​Co ciclo teatral “Tornar ás táboas” a Deputación de Pontevedra vai achegar entre outubro e decembro un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, coa participación de trinta compañías galegas que ofrecerán unha ampla variedade de espectáculos. 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.