Os concertos do “Musigal” arrancan esta semana nas Neves e Tui da man de Treixadura e a Roda

A Deputación de Pontevedra inicia esta semana o calendario deste ano do programa, que dá apoio á programación musical nos concellos de menos de 50.000 habitantes

05/04/2023

Este venres 7 de abril bota a andar unha nova edición do programa “Musigal”, co que a Deputación de Pontevedra apoia a programación artística dos concellos de menos de 50.000 habitantes ao longo de todo o ano poñendo á súa disposición un catálogo de grupos e solistas musicais profesionais que realizan os seus espectáculos en lingua galega ou, no caso das formacións estreitamente instrumentais, interpretan pezas con autoría galega. O obxectivo é dinamizar a lingua galega, favorecer a vivencia positiva do idioma e contribuír á súa posta en valor, o aumento do seu uso e o seu prestixio.

O calendario deste ano estréase o venres 7 de abril coa actuación do grupo A Roda no concello das Neves. O concerto celébrase no marco da XXX Feira do Requeixo e do Mel e terá lugar ás 20:00 horas na Praza Maior. Pola outra banda, o domingo 9 de abril será a quenda de Treixadura en Tui, cunha actuación que comezará ás 20:00 horas no Espazo Feiral no marco das Festas de San Telmo.

A continuación, as actuacións continuarán este mes de abril nos concellos de Mos (coa banda Juan Pardo Tributo), Vilaboa (con Caamaño & Ameixeiras), Arbo (cun concerto de María do Ceo), Poio (da man de Treixadura) e Forcarei (cunha actuación de Sés).

Ao longo de 2023 están previstas un total de 58 actuacións en 58 concellos da provincia: 7 no mes de abril, 11 no mes de maio, 5 no mes de xuño, 14 en xullo, 17 en agosto e outras 4 en setembro. “Musigal” ten un orzamento de 500.000 euros, cos que a institución provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e os concellos sufragan os custos da produción técnica.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.