O programa da Deputación de Pontevedra Musigal chega este venres a Moaña co concerto do dúo Caamaño & Ameixeiras

A actuación terá lugar ás 22:00 horas no escenario do Paseo Marítimo da vila no marco do Festival Intercéltico do Morrazo

27/07/2023

O dúo Caamaño & Ameixeiras ofrecerá este venres 28 de xullo un concerto en Moaña ao abeiro do programa provincial “Musigal”, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra para contribuír a difundir e promover a música galega e en galego nos concellos da provincia. A actuación comezará a partir das 22:00 horas e terá lugar no marco do Festival Intercéltico do Morrazo, no escenario do paseo marítimo da vila, que acada neste 2023 a súa 39.ª edición.

Caamaño & Ameixeiras é un dúo, ligado á música e ao baile tradicional, formado por Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz), que conta cunha intensa traxectoria desde a súa creación, en 2018, e acumula un gran número de concertos tanto na xeografía galega coma na nacional e internacional. De natureza principalmente instrumental, aínda que incorpora tamén algún tema vocal, Caamaño & Ameixeiras toma como punto de partida a tradición para crear a súa propia linguaxe con composicións e arranxos persoais que incorporan recursos contemporáneos.

No seu primeiro traballo discográfico, Aire!, contaron con diversas colaboracións, entre elas a de Silvia Pérez Cruz, Fetén Fetén, Abraham Cupeiro, Xavi Lozano, Carola Ortiz, Pablo Martín ou El Pana. Este traballo recoñeceuse co Premio Martín Códax da Música 2021, na categoría de Folk, así como co Primeiro Premio no Folkez Blai 2021, realizado en Ermua (País Vasco), ou co Premio Opinión de Música de Raíz ao disco do ano. 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 18 resultados.