Luis López anuncia a concesión, por valor de preto de 1,5 M€, das axudas provinciais para a organización de eventos deportivos e para os clubs que participan en competicións oficiais de ámbito estatal

“1,5 millóns de euros para o deporte da provincia. Feitos e recursos concretos que demostran que este é un goberno comprometido co deporte e que avanza, de xeito imparable, para converter Pontevedra na provincia do deporte”, subliñou o presidente

12/09/2025

Conferencia de prensa Luis López

Luis López acaba de anunciar que a Xunta de Goberno da Deputación aprobou a concesión, por valor de preto de 1,5 millóns de euros, das axudas provinciais para a organización de eventos deportivos e para aqueles clubs que participan en competicións oficiais de ámbito estatal. "1,5 millóns de euros para o deporte da provincia. Feitos e recursos concretos que demostran que este é un goberno comprometido e que avanza, de xeito imparable, para converter Pontevedra na provincia do deporte", subliñou o presidente da Deputación quen recordou que son 153 os clubs deportivos que se benefician de 550.000 €, 50.000 € máis que o pasado ano, para organizar eventos deportivos e 76 as entidades que participan en competicións oficiais de ámbito estatal que recibirán 900.000 €.

Ao detalle, no que respecta ás axudas para organizar eventos deportivos, os recursos distribúense a través de dúas liñas. A primeira repartirá 300.000 e entre 45 clubs de 13 concellos da provincia, que recibirán entre 1.000 e 23.000 €, para organizar competicións deportivas federadas oficiais de ámbito estatal ou internacionais como campionatos ou copas de España ou do Mundo e competicións deportivas oficiais de alto nivel. Pola súa banda, a segunda destinará 250.000 € entre 108 entidades deportivas de 38 concellos que recibirán entre 775 e 9.300 € para organizar competicións deportivas oficiais e non oficiais, de todos os ámbitos territoriais, non incluídas na primeira liña.

No que respecta aos clubs que participan en competicións oficiais de ámbito estatal, que recibirán 900.000 €, trátanse de 76 entidades de 24 concellos da provincia que se beneficiarán de contías que oscilan entre os 1.600 € e os 39.000 €. Trátanse, tal e como recordou o presidente,  de clubs de practicamente todas as disciplinas deportivas, desde fútbol, balonmán ou baloncesto, ata ciclismo, tenis, surf, billar, judo, squash ou tríatlon.

videos

audios