A primeira actividade do programa Depo_Orienta da Deputación chega este domingo ao Monte Aloia

As carreiras de orientación arrancan con todas as prazas esgotadas e o luns, 17 de xullo, abren as inscricións para participar na seguinte saída, que se desenvolverá no Monte Vixiador, en Redondela

15/07/2023

200 persoas participarán este domingo, 16 de xullo, na primeira das rutas do programa “Depo_Orienta” da Deputación de Pontevedra, que transcorrerá polo Monte Aloia de Tui con todas as prazas esgotadas. Esta iniciativa, que abre a posibilidade de experimentar o deporte da orientación en diferentes paraxes para gozar da natureza, enmárcase no programa “Depo Actívate”, co que a institución agrupa actividades encamiñadas a fomentar o deporte e o turismo deportivo e a difundir o patrimonio natural e cultural da provincia.

A actividade está dirixida ás persoas amantes dos deportes de natureza e aventura. Así, daranse cita persoas, grupos de amigas e amigos ou familias de calquera idade que deberán realizar no menor tempo posible e contra reloxo, un percorrido marcado no terreo por puntos de control, coa única axuda dun mapa. Nesta primeira actividade os e as participantes percorrerán o monte Aloia, que se atopa no concello de Tui e está declarado parque natural. Este espazo conta con seis miradoiros, o que permite descubrir extraordinarias vistas sobre o río Miño, e está cheo de restos prehistóricos e romanos. A súa historia, ademais, inclúe distintas lendas, o que o converte nun marco inigualable para desfrutar desta experiencia.

A proba arranca en Casas Novas-Tui, a onde deberán desprazarse as e os participantes pola súa conta e onde recibirán información sobre o funcionamento do programa e os mapas e o material necesario. A actividade poderase realizar de forma individual ou por equipos e é posible participar nunha das tres categorías existentes con diferentes nivel de dificultade: Xestiñas (para nenas e nenos acompañados dunha persoa adulta e duns 2 km de distancia), Xestas (para nenas e nenos maiores ou persoas adultas e poderase participar de xeito individual ou en grupo, cun percorrido duns 3 km de distancia) e Xesteiras (para nenas, nenos ou persoas adultas con coñecementos de orientación; poderase participar de xeito individual ou en grupo e cuns 4 km de distancia).

Apertura “Depo_Orienta” polo Monte Vixiador

O vindeiro luns, 17 de xullo, ás 10.00 horas, abriranse as inscricións para a segunda das rutas de “Depo Orienta”, que se desenvolverá polo Monte Vixiador, en Redondela, o 17 de setembro.  As inscricións son gratuítas, ata chegar ao límite de 200 participantes, e as persoas interesadas deben cubrir o formulario que se atopa na web provincial (www.depo.es) antes do luns anterior á realización da actividade, é dicir, o 11 de setembro. Para a seguinte ruta, que será o 15 de outubro na Illa de Arousa, as inscricións comezan o 18 de setembro.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.