Esgotadas en 24 horas as prazas para a última actividade de “Depo_Orienta” na Illa de Arousa

A proba de orientación terá lugar o 15 de outubro e suscitou unha gran demanda, ata o punto de que a lista de agarda tamén se completou nun día

19/09/2023

En só 24 horas esgotáronse as 200 prazas que a Deputación de Pontevedra ofreceu para a terceira e última actividade do programa “Depo_Orienta”, que terá lugar o próximo 15 de outubro na Illa de Arousa. A gran acollida desta última proba de orientación motivou que tamén se completase a lista de agarda, na que están inscritas outras cincuenta persoas.

A través deste programa, enmarcado no calendario de actividades deportivas de verán da Deputación de Pontevedra, a institución provincial ofrece actividades de orientación na natureza nas que as e  os participantes terán que realizar contra o reloxo un percorrido marcado no terreo por puntos de control e coa única axuda dun mapa.

A actividade do 15 de outubro realizarase nas inmediacións do campo de fútbol da Bouza, na Illa de Arousa, situado nun entorno natural con praias coma Barbafeita ou Area da Secada. Os participantes competirán en tres categorías en función da dificultade técnica e da distancia: xestiñas (para nenas e nenos acompañados dunha persoa adulta), xestas (nenas e nenos maiores ou persoas adultas de xeito individual ou en grupo) e xesteiras (nenas e nenos ou persoas adultas con coñecementos de orientación, de xeito individual ou en grupo), de 2, 3 e 4 km, respectivamente.

A da Illa de Arousa é a terceira e última proba de “Depo_Orienta”, despois das realizadas no monte Aloia (Tui), o 16 de xullo, e no monte Vixiador (Redondela), o pasado domingo 17 de setembro.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.