200 persoas participaron este domingo en Redondela nunha nova actividade de “Depo_Orienta”

A ruta de orientación na natureza, con todas as prazas esgotadas, realizarase no monte Vixiador; haberá tres categorías de entre 2 e 4 km

16/09/2023

Este domingo 200 persoas participarán na segunda actividade de “Depo_Orienta”, que terá lugar no monte Vixiador, en Redondela. A través deste programa, enmarcado no calendario de actividades deportivas de verán da Deputación de Pontevedra, a institución provincial organiza tres quendas de orientación na natureza. Nelas, as e os participantes terán que realizar, no menor tempo posible e contra o reloxo, un percorrido marcado no terreo por puntos de control e coa única axuda dun mapa.

A actividade deste domingo comezará no campo de fútbol do Vixiador e transcorrerá integramente polo monte do mesmo nome, no termo municipal de Redondela. Nesta zona, as persoas participantes poderán percorrer paisaxes naturais nas que destacan as vistas sobre a enseada de San Simón ou a necrópole de monte Penide (tamén coñecido como monte Mirallo), un conxunto de cincuenta mámoas entre as que sobresae a do Rei, a única que está escavada na actualidade.

As persoas participantes competirán en tres categorías en función da dificultade técnica e da distancia: xestiñas (para nenas e nenos acompañados dunha persoa adulta), xestas (nenas e nenos maiores ou persoas adultas de xeito individual ou en grupo) e xesteiras (nenas e nenos ou persoas adultas con coñecementos de orientación, de xeito individual ou en grupo), de 2, 3 e 4 km, respectivamente.

“Depo_Orienta” remata o 15 de outubro na Illa de Arousa

Ademais, a Deputación de Pontevedra abre este luns 18 de setembro o prazo de inscrición para participar na última das actividades previstas en “Depo_Orienta”, que terá lugar o domingo 15 de outubro na Illa de Arousa. A páxina web da Deputación habilitará un formulario a partir das 10:00 horas deste luns, tamén cunha oferta de 200 prazas. A inscrición estará dispoñible ata o luns 9 de outubro ou ata que se esgoten as prazas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.