Luisa Sánchez salienta a creatividade do alumnado da provincia na entrega dos NIF a unha vintena de cooperativas escolares de Primaria e da ESO

Nove centros educativos presentaron este mércores os seus proxectos, que permiten ao estudantado “saber o que significa crear unha empresa mentres está no colexio ou no instituto”

11/03/2026

Luisa Sánchez salienta a creatividade do alumnado da provincia na entrega dos NIF a unha vintena de cooperativas escolares de Primaria e da ESO

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, e o deputado provincial Jorge Cubela participaron este mércores no Pazo Provincial no acto de entrega dos NIF ás cooperativas escolares participantes nas modalidades de Primaria e ESO do programa DepoEmprende. Durante a xornada presentáronse preto dunha vintena de proxectos impulsados por alumnado de nove centros educativos de Vigo, O Porriño, Cangas, Cambados, Cerdedo-Cotobade, O Grove e Tomiño.

No acto celebrado no salón de plenos da institución provincial, o alumnado explicou as súas iniciativas emprendedoras antes de recibir os NIF, que lles permitirán desenvolver durante os próximos meses as súas cooperativas escolares e preparar os produtos que posteriormente porán á venda nos mercados organizados polo programa.

Na primeira quenda participaron estudantes dos institutos IES Pino Manso (O Porriño), IES Rodeira (Cangas) e IES Coruxo (Vigo), que presentaron as cooperativas “Argy”, “Dulce Inversión”, “La Azucarada”, “Los Sociossss”, “Jabones Sanles”, “Dulce Destello”, “Freitas Biscuits”, “Limonchelo”, “Olores y Flores”, “Recimarca”, “San Granizo Granizados”, “Sunmoon”, “CX Studio” e “Dulces Coruxo”. Foi a vicepresidenta provincial quen fixo entrega dos correspondentes NIF tras a exposición de cada proxecto.

Durante a súa intervención, Luisa Sánchez destacou que este momento supón un “paso importante” para o alumnado participante, xa que “desde hoxe os vosos proxectos teñen algo en común con calquera empresa do mundo”. Neste sentido, explicou que o obxectivo de DepoEmprende é que os estudantes “poidan saber o que significa crear unha empresa mentres están no colexio ou no instituto”, aprendendo a desenvolver ideas, traballar en equipo, deseñar produtos ou buscar clientes.

A tamén deputada de Economía e Impulso ao Emprego puxo en valor a creatividade do alumnado e a variedade de propostas presentadas polos centros educativos, con iniciativas relacionadas coa cultura, o turismo ou a gastronomía.

Mercado de venda

A segunda quenda contou coa participación do alumnado dos centros CEIP San Tomé (Cambados), CEIP Plurilingüe de Carballedo (Cerdedo-Cotobade), CEIP Plurilingüe de Conmeniño (O Grove), CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán (Tomiño), CEP Plurilingüe Igrexa Valadares (Vigo) e CPR Andersen Augalonga (Vigo). As cooperativas presentadas foron “Souvenirs Company”, “As Cores de Carballedo 6.0”, “Retromecos”, “Os Guardiáns da Lectura”, “Tigrecop” e “Andoriñas”.

Neste caso, o encargado de facer entrega dos NIF foi o deputado provincial Jorge Cubela, quen destacou que emprender “non é só crear unha empresa, senón ter ideas, traballar en equipo, aprender a resolver problemas e atreverse a facer cousas novas”. Cubela sinalou que o documento recibido simboliza que as cooperativas escolares “comezan a dar pasos de verdade para converter as súas ideas en proxectos reais”.

O deputado provincial animou ao alumnado a aproveitar esta experiencia para aprender, mesmo dos erros, e avanzou que ao final do curso volverán encontrarse nos mercados organizados polo programa para vender os produtos elaborados polas cooperativas.

DepoEmprende

DepoEmprende é un programa da Deputación de Pontevedra que procura fomentar o espírito emprendedor entre o alumnado da provincia a través da creación de cooperativas escolares que reproducen o funcionamento dunha empresa real.

A iniciativa permite que estudantes de Primaria, Secundaria e Formación Profesional se familiaricen co mundo empresarial e desenvolvan habilidades como o traballo en equipo, a creatividade ou a capacidade de organización.

A Deputación de Pontevedra entregou este martes os seus respectivos NIF a outros 24 proxectos emprendedores nos que están a traballar rapazas e rapaces de nove centros educativos de Educación Secundaria e Educación Especial de Vigo, Pontevedra, O Porriño, Vilagarcía de Arousa e Redondela.

Galerias de imaxes