Luis López salienta que a Deputación destinará máis de 2,5 millóns de euros para financiar ao 100 % investimentos en seis concellos da provincia

Trátase de proxectos en Catoira, Fornelos de Montes, Moraña, As Neves, Salvaterra de Miño e Valga, que serán acometidos integramente con recursos da institución provincial a través dos plans +Provincia, PON2030 e o Plan extraordinario de infraestruturas deportivas

12/04/2024

Conferencia de prensa de Luis López

Luis López puxo en valor que a Deputación de Pontevedra vai destinar máis de 2,5 millóns de euros para financiar ao 100 % investimentos en seis concellos da provincia. Trátase de grandes proxectos en Catoira, Fornelos de Montes, Moraña, As Neves, Salvaterra de Miño e Valga, que serán acometidos integramente con recursos da institución provincial a través dos plans PON2030 e o Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, así como do +Provincia.

Así, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou esta semana unha inxección de 900.000 euros do Plan +Provincia cos que se completará o financiamento ao 100 % dos proxectos nestes seis concellos e se impulsarán novas actuacións en Barro, Caldas de Reis e Poio.  “No que levamos de ano distribuímos xa 16,6 millóns de euros do +Provincia, o plan que está a tender pontes cos concellos como nunca antes se fixera cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia”, asegurou Luis López.

Proxectos financiados ao 100 % pola Deputación

En Valga, os fondos provinciais permitirán financiar na súa totalidade a construción dunha senda peonil e vía ciclable na contorna do lago de Porto Piñeiro, que conta cun orzamento de 615.000 euros. Ata ese momento, o Goberno local recibira 522.000 euros do PON2030 da Deputación e o importe restante correspondíase con achegas municipais que, agora, serán sufragadas con recursos do +Provincia (92.000 euros).

No caso de Salvaterra de Miño trátase da recuperación do espazo para uso peonil na rúa da Forca, que conta cun orzamento de 540.000 euros. O Concello recibiu xa 432.000 euros do PON2030 da Deputación e o importe restante, correspondente coas achegas municipais, procederá de recursos do Plan +Provincia (108.000 euros).

Pola súa banda, nas Neves a Deputación financiara o 100 % das obras de acondicionamento da praza de Santa María de Liñares. A actuación conta cun orzamento de 530.000 euros, dos que o Concello recibiu xa 475.000  do PON2030 e o importe restante sufragarase con recursos do Plan +Provincia (53.000 euros).

En Moraña, os fondos provinciais permitirán financiar na súa totalidade a fase dous do campo de fútbol de Mirallos, que conta cun orzamento de 391.000 euros. Ata o de agora, o Goberno local recibiu 41.000 euros do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas e o importe restante, 350.000 euros, procederá dos recursos do +Provincia que lle corresponden á vila.

No caso de Fornelos de Montes, rehabilitaranse as instalacións municipais dedicadas a piscinas, cun orzamento de 350.000 euros. O Concello recibiu xa máis de 300.000 euros do PON2030 e o importe restante, correspondente coas achegas municipais, sufragarase con recursos do +Provincia.

E en Catoira, a Deputación de Pontevedra financia o 100 % das obras de construción de vestiarios e aseos no campo de fútbol das Lombas. A actuación conta cun orzamento de 99.000 euros, dos cales o Goberno local recibiu xa 36.000 do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, e o importe restante, 62.000 euros, procederá dos recursos do +Provincia.

+Provincia

Ademais, a Deputación de Pontevedra aprobou tamén unha inxección doutros 180.000 euros do Plan+ Provincia para actuacións en Barro, Caldas de Reis e Poio. Deste xeito, Barro recibirá 70.000 euros para mellorar unha estrada municipal en Bretoña; Poio, outros 70.000 para a pavimentación e a ampliación da rede de pluviais nos camiños de Cachafeiro e do Castaño; e Caldas recibirá máis de 40.000 para a subministración dunha furgoneta e dun furgón para o servizo de obras municipal.

videos

audios