A Deputación recibe a doazón do arquivo gráfico e documental de Víctor Casas Rey no Museo de Pontevedra

Ademais de cartas e fotografías, a doazón inclúe obxectos e pinturas, así como obra pictórica e gravados da autoría do seu fillo, Víctor Casas Julián

12/11/2026

A Deputación recibe a doazón do arquivo gráfico e documental de Víctor Casas Rey no Museo de Pontevedra

A Deputación acaba de recibir unha importante doazón para o Museo de Pontevedra de gran valor documental e artístico. O conxunto ten dúas partes diferenciadas: por unha banda, unha serie de documentos, fotografías, obxectos e obras de arte que pertenceron a Víctor Casas Rey, xornalista e político que foi fusilado polo exército de Franco na Caeira (Poio) hai hoxe 90 anos. Por outra banda, gravados, pinturas, debuxos e documentos do seu fillo, Víctor Casas Julián. Todos estes bens foron doados polos irmáns Casas Castells, fillos á súa vez de Víctor Casas Julián. Agora están a ser catalogados para a súa conservación, difusión e posta a disposición dos investigadores.

Víctor Casas Rey (A Coruña, 1900 – Poio, 1936) foi director de A Nosa Terra desde 1922. Protagonizou unha intensa actividade política que comezou co seu ingreso nas Irmandades da Fala en 1916, participando na fundación de ORGA en 1929 e do Partido Galeguista en 1931. Tras o levantamento militar de 1936, foi detido e condenado a morte. O 12 de novembro de 1936 foi fusilado polo bando franquista na Caeira, xunto a outros nove sentenciados polo seu apoio á República: Amancio Caamaño, José Adrio, Germán Adrio, Telmo Bernárdez, Paulo Novás, Ramiro Paz, Luis Poza, Benigno Rey e Juan Rico.

A doazón inclúe documentación gráfica e documental relevante. Destacan un conxunto de cartas que escribiu entre setembro e novembro de 1936, nas últimas semanas antes de ser executado, algunhas delas desde o cárcere de Pontevedra e outras desde o campo de concentración da Illa de San Simón. Tamén hai correspondencia de maio de 1935 con Alexandre Bóveda e outros documentos, como telegramas, recortes de prensa e carnés como o do Partido Galeguista.

Entre as fotografías, é especialmente simbólica a que amosa á súa nai, Cinta Rey, abrazada ao piñeiro fronte ao que foi fusilado Víctor Casas na Caeira, o mesmo ante o que executaron a Alexandre Bóveda e cuxas cascas se exhibiron no Museo este verán como parte da exposición ‘Castelao. A derradeira leición do mestre’. Outras fotografías amosan diferentes momentos relacionados coa súa vida persoal e a súa actividade política.

Entre as obras artísticas, destaca o óleo ‘Dolmen’ de Camilo Díaz Baliño, datado en 1929 e dedicado a Víctor Casas. Tamén se inclúen cadros de autores como Imeldo Corral e Fernando Cortés, e un retrato de Casas Rey realizado en 1958 por Julio Quesada Guilabert.

Víctor Casas Julián

Nacido en Pontevedra en xaneiro de 1936, Víctor Casas Julián morreu en Madrid en maio do ano pasado. A súa traxectoria como pintor desenvolveuse en Madrid, onde se formou baixo a protección de Álvaro Gil Varela. Ata agora o Museo de Pontevedra non contaba con obra artística súa, e grazas a esta doazón recibe cerca de 60 pinturas e debuxos con diferentes estilos e técnicas: óleos, acuarelas, pasteis, carbóns, ceras ou tintas, coas que compuxo retratos, paisaxes, bodegóns etc. Entre eles inclúese un retrato do seu pai.

É especialmente salientable o conxunto de gravados, formado por 112 estampas de gran calidade, principalmente probas de artista e tamén pranchas. A maior parte dos gravados empregan a técnica do linóleo, pero tamén hai algúns augafortes.