A Deputación leva este xoves a Dozón o circuíto +Escénicas cun espectáculo arredor do Nadal tradicional galego
“Unha historia de Nadal”, de Leucoíña Pasea, representarase ás 16:00 horas no CEIP Pio Cabanillas
15/12/2025
A Deputación de Pontevedra leva este xoves 18 de decembro o circuíto +Escénicas ao concello de Dozón da man dun espectáculo arredor do Nadal tradicional galego, a cargo de Leucoíña Pasea. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
"Unha historia de Nadal", que se representará no CEIP Pio Cabanillas ás 16:00 horas, é un espectáculo no que os grandes protagonistas son as panxoliñas e os contos de Nadal tradicionais. Unha proposta que achegará ás crianzas nas historias e personaxes propias destas datas, ao mesmo tempo que descubrirán que caracteriza ao Nadal galego: tradicións, produtos que se consumen, lendas... A cativada asistente participará de xeito activo cantando e tocando con cunchas e paus.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.
