A Deputación leva este sábado a Cerdedo Cotobade “Que curioso!”, un espectáculo de maxia enmarcado na nova edición do circuíto provincial +Escénicas

“Que curioso!”, do Mago Noel, representarase o sábado 16 de maio no Auditorio de Cerdedo ás 19:00 horas

14/05/2026

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 16 de maio a Cerdedo Cotobade unha nova edición do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Nesta ocasión, trátase do espectáculo de maxia “Que curioso!”, a cargo do Mago Noel, que se representará no Auditorio de Cerdedo a partir das 19:00 horas.

“Que curioso!” é un espectáculo de maxia moi participativo, colorido e divertido. Nel, o Mago Noel combina diversas disciplinas circenses e teatrais co gallo de amosar que a prestidixitación, os malabares, o humor, a música e a poesía crean, por si mesmas, un espazo de comunicación xenuíno entre o mago e o público con moita maxia.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha, contando nesta anualidade con 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.