Esgotadas en menos de dous días as 200 prazas da ruta “Depo_Orienta” que se desenvolverá no monte Vixiador de Redondela o 17 de setembro

A Deputación abrirá  o 18 de setembro as inscricións para a seguinte e última proba, que terá lugar en outubro e percorrerá a Illa de Arousa

19/07/2023

Depo_Orienta

En menos de dous días esgotáronse as 200 prazas para a segunda das rutas que ten en marcha a Deputación de Pontevedra no marco do programa Depo_Orienta. A actividade, que transcorrerá o 17 de setembro polo monte Vixiador de Redondela, abre a posibilidade de experimentar o deporte de orientación en paraxes naturais e está enmarcada dentro do programa “Depo Actívate”, co que a institución está a promover este verán actividades de fomento do deporte e do patrimonio natural e cultural da provincia.

A ruta de Depo_Orienta polo monte Vixiador terá lugar por unha paraxe natural de Redondela con vistas da enseada de San Simón e vestixios do pasado como a necrópole de monte Penide, formada por máis de 50 mámoas entre as que destaca a do Rei, a única escavada. A actividade, que partirá do campo de fútbol de Cabeiro, consiste en completar, no menor tempo posible e contra reloxo, un percorrido marcado no terreo por puntos de control e coa única axuda dun mapa.  Poderá realizarse de forma individual ou por equipos e é posible participar nunha das tres categorías existentes con diferentes nivel de dificultade: Xestiñas (para nenas e nenos acompañados dunha persoa adulta e duns 2 km de distancia), Xestas (para nenas e nenos maiores ou persoas adultas , de xeito individual ou en grupo, cun percorrido duns 3 km de distancia) e Xesteiras (para nenas, nenos ou persoas adultas con coñecementos de orientación; poderase participar de xeito individual ou en grupo e cuns 4 km de distancia).

Trala ruta polo monte Vixiador, o 15 de outubro desenvolverase a última das actividades de Depo Orienta que terá lugar na Illa de Arousa e tamén conta con 200 prazas. As persoas interesadas poderán inscribirse a partir do 18 de setembro cubrindo o formulario que se atopará na web provincial (www.depo.gal).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.