A Deputación esgota en menos de 24 horas as 200 prazas para desfrutar da andaina Entre Castelos Rías Baixas o 19 de abril
Aínda quedan prazas dispoñibles para o trail infantil, que terá lugar o 18 de abril, e o trail, que será o mesmo domingo 19
27/02/2026
A Deputación de Pontevedra esgota en menos de 24 horas as 200 prazas para desfrutar da andaina Entre Castelos Rías Baixas, que terá lugar o vindeiro 19 de abril ás 12:30 horas con saída do Castelo de Soutomaior. Trátase dun percorrido de 8,7 quilómetros que atravesa sendeiros forestais e pistas rurais, combinando tramos de subida progresiva con contornas máis cómodas de terreo camiñable.
Actualmente, aínda é posible apuntarse para as dúas modalidades de trail, a de adultos e a infantil. O trail terá lugar tamén o domingo 19 de abril, nesta caso ás 10:00 horas, e son 25,7 quilómetros con saída desde o Castelo de Sobroso (Mondariz) e chegada no Castelo de Soutomaior cun percorrido que atravesará espazos naturais de alto valor ecolóxico e paisaxístico. Neste caso, poderán participar un total de 500 persoas. Por outra banda, aínda quedan prazas para desfrutar da carreira infantil que, cunha lonxitude de 0,9 quilómetros, se celebrará o sábado 18 de abril ás 16:30 horas e nela poderán participar 300 cativos e cativas de entre 6 e 12 anos. En ambos casos a inscrición é gratuíta en https://trailentrecastelosriasbaixas.com/ e ao longo da fin de semana haberá actividades complementarias, como obradoiros de animación infantil e food trucks.
O trail “Entre Castelos Rías Baixas” é unha proposta única en España que conectará a través dunha carreira a pé de case 26 quilómetros as dúas fortificación de titularidade provincial, o Castelo de Sobroso, en Mondariz, e o Castelo de Soutomaior. Unha proba deseñada para o desfrute en familia de todo tipo de deportistas, xa sexan afeccionados ou experimentados, que une deporte, patrimonio e promoción do territorio.