Esgotadas as prazas para as dez rutas do programa “Bosques Terapéuticos” previstas en xullo

As dúas quendas na Illa de Tambo foron as máis solicitadas dos sete espazos naturais onde se desenvolverá o programa da Deputación no mes de xullo

12/06/2023

En pouco máis dunha hora esgotáronse as 150 prazas que a Deputación de Pontevedra puxo este luns á disposición da cidadanía para participar nas dez rutas do programa “Bosques Terapéuticos” que terán lugar no mes de xullo en espazos naturais de grande interese como a Fervenza do Toxa (Silleda), a Illa de Tambo (Poio), o Lago Castiñeiras (Marín e Vilaboa), a Carballeira de San Xusto (Cerdedo-Cotobade), o Río Eifonso (Vigo), a Ruta da Pedra e da Auga (Meis) e a contorna da ponte colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro). Como vén sendo habitual, as quendas na Illa de Tambo foron as que máis solicitudes recibiron de entre as dez dispoñibles.

As rutas teñen unha duración aproximada dunha hora e media e parten da premisa de abrir os cinco sentidos e mais a mente, respirar a fondo e conectar coa natureza, observando a luz, percibindo os sons e os olores, gozando do silencio e a calma para deixarse levar pola experiencia, sentirse parte dela e da contorna desconectando os dispositivos móbiles. As rutas, coñecidas como baños de bosque e baseadas na terapia xaponesa de shinrin yoku, non se caracterizan por percorrer grandes distancias, senón precisamente polo contrario: por un ritmo renovador que permite prestar atención a todos os elementos que se atopan durante o paseo co obxectivo de reducir o nivel de tensión. Para facilitar isto, a Deputación de Pontevedra organizou en “Bosques Terapéuticos” actividades con unicamente 15 prazas por quenda.

As rutas coas prazas xa todas esgotadas en xullo comezarán o sábado 1 cun percorrido pola fervenza do río Toxa que se repetirá o domingo 16 e mais o domingo 30 de xullo. O domingo 2 de xullo e o sábado 22 os “Bosques Terapéuticos” chegarán á Ill de Tambo; o sábado 8 de xullo ao Lago Castiñeiras; o domingo 9 de xullo á Carballeira de San Xusto; o sábado 15 de xullo ao río Eifonso; o domingo 23 de xullo á Ruta da Pedra e da Auga e o sábado 29 de xullo á ponte colgante do río Lérez.

O 17 de xullo a Deputación abrirá o prazo para inscribirse nas rutas de agosto de “Bosques Terapéuticos”, coas que pechará a actual edición do programa. Durante ese mes celebraranse seis actividades: o sábado 5 na Ruta da Pedra e da Auga, o domingo 6 na Illa de Tambo, o sábado 12 no Lago Castiñeiras, o domingo 13 na Carballeira de San Xusto, o sábado 19 no Río Eifonso e, como peche, o domingo 20 de xullo na ponte colgante do Lérez. O formulario de inscrición estará dispoñible a partir das 9:00 horas e poderanse rexistrar un máximo de 4 persoas por solicitude.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.