Unha ruta polo Río Eifonso e outra pola Illa de Tambo pechan esta fin de semana os “Bosques Terapéuticos” da Deputación no mes de xuño

Ámbalas dúas actividades permitirán desfrutar de baños de bosque mesturando natureza, exercicio, cultura, historia e saúde en espazos situados en Vigo e Poio

21/06/2023

O programa “Bosques Terapéuticos”, co que a Deputación está a promover actividades baseadas na terapia de shinrin yoku ou “baño de bosque”, unha técnica orixinaria de Xapón que consiste en internarse na natureza para relaxar a mente e reducir o nivel de tensión, pecha a súa andaina do mes de xuño en Vigo e Poio. O sábado terá lugar un percorrido polo río Eifonso e o domingo pola contorna da illa de Tambo, onde as persoas participantes poderán desfrutar dunha actividade que mestura natureza, exercicio, cultura, historia e saúde.

A ruta polo Espazo Natural Río Eifonso transcorrerá por Bembrive, parroquia de Vigo, en paralelo a este río que nace no Monte das Lagoas. O seu descenso converte as súas correntes en belas fervenzas, como a de Bouzafría, e dá orixe a varios muíños de auga nas súas ribeiras. No ano 2016 foi integrado dentro do Parque Botánico Arco da Vella, denominado así xa que as sete cores do arco da vella son os identificadores de cada tema relacionado coa natureza e o patrimonio.

Pola súa banda, o itinerario pola illa de Tampo, de 2,5 quilómetros, percorre un enclave natural e histórico cheo de espazos para desfrutar con toda a intensidade dos baños de bosque. O percorrido por esta illa, que abrangue unha extensión total de 28 hectáreas e acada unha altitude de 80 metros no alto de San Facundo, atravesa elementos naturais como é o caso da praia Area Grande e o seu sistema de dunas. Tamén destacan os taffonis e o abundante patrimonio construído, que inclúe o faro, restos dun lazareto e un albergue, un polvorín e os peiraos.

As dúas rutas, que comezarán ás 10.00, parten dunha premisa fundamental: abrir os cinco sentidos, respirando a fondo e camiñando mentres se conecta coa natureza. Porén, os e as asistentes son instados a desconectar os dispositivos móbiles, observar a luz solar que penetra entre as follas, percibir os sons e aromas que as e os rodean, camiñar en silencio e en calma e deixarse levar sentíndose parte da experiencia. De feito, o importante non é facer moitos quilómetros, senón desfrutar do camiño lentamente e prestando atención ao que se atopa no paseo.

Quen queira desfrutar destas saídas dos “Bosques Terapéuticos” terá que agardar ata agosto xa que as rutas do mes de xullo esgotaron a totalidade das prazas ofertadas. En xullo os percorridos comezarán o día 1 pola fervenza do río Toxa, que se repetirá os días 16 e 30 de xullo; os días 2 e 22 de xullo será a quenda da illa de Tambo; o día 8 o programa recalará no lago de Castiñeiras; o domingo 9 de xullo continuará pola carballeira de San Xusto; o sábado 15 polo río Eifonso; o domingo 23 pola Ruta da Pedra e da Auga e o sábado 29 pola ponte colgante do Lérez. Para as rutas do mes de agosto o prazo de inscrición abrirá o 17 de xullo e os percorridos comezarán o día 5 pola Ruta da Pedra e da Auga e continuarán o 6 pola illa de Tambo, o 12 polo lago de Castiñeiras, o 13 na carballeira de San Xusto, o 19 polo río Eifonso e para finalizar, o domingo 20 de agosto, pola ponte colgante do Lérez.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 17 resultados.