O programa da Deputación “Bosques Terapéuticos” chega esta fin de semana á Ruta da Pedra e da Auga e á ponte colgante do Lérez

O programa permitirá desfrutar de baños de bosque mesturando natureza, exercicio, cultura, historia e saúde en Meis e Pontevedra

09/06/2023

O programa “Bosques Terapéuticos”, co que a Deputación está a promover actividades baseadas na terapia de shinrin yoku ou “baño de bosque”, unha técnica orixinaria de Xapón que consiste en internarse na natureza para relaxar a mente e reducir o nivel de tensión, chega esta fin de semana a Meis e Pontevedra. O sábado, 10 de xuño, terá lugar un percorrido pola Ruta da Pedra e da Auga e o domingo, 11, pola contorna da ponte colgante do Lérez, onde as persoas participantes poderán desfrutar dunha actividade que mestura natureza, exercicio, cultura, historia e saúde.

As dúas rutas, que comezarán ás 10.00 e durarán aproximadamente unha hora, parten dunha premisa fundamental: abrir os cinco sentidos, respirando a fondo e camiñando pensativamente mentres se conecta coa natureza. Porén, os e as asistentes son instados a desconectar os dispositivos móbiles, observar a luz solar que penetra entre as follas, percibir os sons e aromas que as e os rodean, camiñar en silencio e en calma e deixarse levar sentíndose parte da experiencia. De feito, o importante non é facer moitos quilómetros, senón desfrutar do camiño lentamente e prestando atención ao que se atopa no paseo. Amais do percorrido pola Ruta da Pedra e da Auga e pola ponte colgante do Lérez, ao longo deste mes de xuño realizaranse tamén camiñadas polo Lago Castiñeiras, o Río Eifonso e a Illa de Tambo, se ben as prazas están xa todas esgotadas.

Quen queira desfrutar destas saídas dos “Bosques Terapéuticos” aínda poderá facelo nas rutas previstas para o mes de xullo, para as que a inscrición abrirá este luns, 12 de xuño, a través do formulario recollido en www.depo.gal. En xullo os percorridos comezarán o día 1 pola fervenza do Toxa, que tamén se repetirá os días 16 e 30 de xullo. Os días 2 e 22 de xullo será a quenda da Illa de Tambo e o día 8 o programa recalará no Lago Castiñeiras. O domingo 9 de xullo continuará pola Carballeira de San Xusto, o sábado 15 polo Río Eifonso, o domingo 23 pola Ruta da Pedra e da Auga e o sábado 29 pola ponte colgante do Lérez.

Para as rutas do mes de agosto o prazo de inscrición abrirá o 17 de xullo. En agosto os percorridos comezarán o día 5 pola Ruta da Pedra e da Auga e continuarán o 6 pola Illa de Tambo, o 12 polo Lago de Castiñeiras, o 13 na Carballeira de San Xusto, o 19 polo Río Eifonso e para finalizar, o domingo 20 de agosto, pola ponte colgante do Lérez.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.